Efectuarase un corte de tráfico na Rolda das Fontiñas os días 23 e 24 de abril por obras de pavimentación

O Goberno local de Lugo procederá ao corte do tráfico rodado no carril de baixada entre a Rolda das Fontiñas e o Carril dos Indios, en dirección á rúa San Eufrasio, os días 23 e 24 de abril, co obxectivo de repoñer o pavimento nesta zona tras a conclusión da reparación dun colector da rede de saneamento.
Durante as xornadas do xoves e do venres non se pechará completamente a vía ao tráfico, aínda que ambos sentidos de circulación se desviarán polo mesmo carril e polas prazas de estacionamento situadas xunto á mediana do outro marxe da calzada. O tramo comprendido entre os números 62 e 96 da Rolda das Fontiñas funcionará como vía provisional de dobre sentido, quedando tamén restrinxido o estacionamento no marxe esquerdo.
O Concello garante que durante a execución dos traballos de asfaltado se manterá o tránsito peonil, así como os accesos a vivendas, garaxes e locais comerciais, asegurando espazos seguros de circulación. Ademais, facilitarase o paso dos autobuses mediante un itinerario alternativo debidamente sinalizado e con indicacións en ambos lados da calzada para facilitar os xiros.
As actuacións inclúen traballos de fresado e aglomerado no cruce da Rolda das Fontiñas co Carril dos Indios, entre os números 72 e 77. Esta intervención completa a obra realizada semanas atrás para a reparación dun colector na mesma intersección, co obxectivo de mellorar a rede de saneamento e abastecemento da cidade.
O Goberno de Lugo sinala que este plan de tráfico busca compatibilizar a execución dunha obra necesaria coa redución das molestias á cidadanía e a garantía da seguridade viaria.