Efrén López impartirá un obradoiro de música medieval e tradicións do Mediterráneo no Centro de Artesanía

O Centro de Artesanía e Deseño acollerá o vindeiro mércores, 7 de outubro, un obradoiro impartido por Efrén López, especialista en música medieval e no estudo e recuperación da música tradicional do Mediterráneo.
A actividade, incluída no ciclo Zanfona é feminino, estará centrada neste instrumento, aínda que cunha clara vocación de achegar os seus recursos a músicos de diferentes procedencias e especialidades. A xornada comezará cun seminario aberto a todo o público, de 10:30 a 13:30 horas.
Pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas, desenvolverase unha sesión práctica especialmente dirixida a músicos interesados en ampliar as posibilidades dos seus instrumentos mediante a incorporación de novos repertorios, ornamentos, fraseoloxía, rítmica e intervalos procedentes de tradicións orais de países como Bulgaria, Grecia, Creta, Turquía, Irán ou Afganistán.
A participación no obradoiro é gratuíta, aínda que é necesario realizar inscrición previa a través do correo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org.
Esta será a terceira actividade organizada polo Centro de Artesanía e Deseño dentro do ciclo Zanfona é feminino, unha iniciativa que reivindica o papel das mulleres na historia da zanfona e da música e busca poñer en valor o seu legado. Os dous primeiros obradoiros estiveron impartidos por Tobie Miller, o 24 de maio, e Bea Peña, o 20 de setembro.
A colaboración con este ciclo reforza o papel do Centro de Artesanía e Deseño como espazo de referencia no estudo, construción e interpretación da zanfona, ao tempo que contribúe a divulgar o patrimonio conservado pola institución provincial a través da Colección de Instrumentos e Obxectos Sonoros.