Elena Candia anuncia a unificación das brigadas municipais de obras para mellorar a coordinación

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, xunto co concelleiro de Mobilidade e Obras, Antonio Ameijide, visitou as brigadas municipais de obras, sinalización viaria, eléctricos, parques e xardíns, parque móbil e zona rural situadas en Frigsa, co obxectivo de coñecer o funcionamento do servizo e avanzar nunha reorganización que permita mellorar a coordinación dos traballos de mantemento na vía pública.
O goberno local unificará as dúas brigadas municipais de reparación viaria existentes ata o momento, unha delas dependente da anterior Alcaldía do PSOE e a outra de obras do BNG, nun único servizo coordinado, co propósito de gañar en eficacia, optimizar recursos e ofrecer unha resposta máis rápida ás incidencias na cidade.
A reorganización permitirá coordinar baixo unha mesma dirección os traballos relacionados con baches, beirarrúas, sinalización, pequenas reparacións e actuacións.
“Eliminamos estruturas separadas do bipartito para evitar duplicidades, mellorar a coordinación e conseguir que os servizos municipais funcionen dunha maneira máis eficaz e útil para os veciños”, explicou Elena Candia.
A alcaldesa destacou que o obxectivo é mellorar a planificación dos traballos e reducir os tempos de resposta ante incidencias que afectan ao día a día da veciñanza.