Elena Candia pide á Deputación de Lugo que axilice a reforma da avenida Adolfo Suárez tras reunirse coa veciñanza

A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, mantivo un encontro co presidente da Asociación de Veciños do Sagrado Corazón, Alfonso Ibias, para abordar distintas cuestións de interese para o barrio e facer seguimento das actuacións pendentes nesta zona da cidade.
Entre os asuntos tratados destacou a situación da avenida Adolfo Suárez, onde hai apenas un mes se anunciou a primeira fase dun proxecto de renovación para o tramo comprendido entre a glorieta de Serra de Meira e a rúa Montero Ríos.
Tanto a rexedora como os representantes veciñais coincidiron en lembrar que naquela presentación se puxo de manifesto o carácter prioritario e urxente desta actuación, ao tratarse dunha das principais entradas á cidade e dunha vía que precisa unha mellora acorde coa súa importancia para Lugo.
Porén, transcorrido un mes desde aquel anuncio, non se produciron avances visibles nin se coñece un calendario concreto para a execución dos traballos.
Ante esta situación, Candia avanzou que remitirá unha carta á Deputación Provincial para interesarse polo estado da actuación e solicitar que se axilice a obra, así como para obter información sobre os prazos previstos para o seu desenvolvemento.
A alcaldesa sinalou que a veciñanza ten dereito a coñecer en que punto se atopa o proxecto e reclamou maior claridade na planificación dunha actuación que cualificou como prioritaria para a cidade. Ademais, reiterou o compromiso do Concello de Lugo de defender os intereses dos barrios e de colaborar con outras administracións para impulsar melloras que contribúan á calidade de vida da cidadanía.
Candia agradeceu tamén a colaboración da Asociación de Veciños do Sagrado Corazón e o traballo que desenvolve na identificación das necesidades da zona e na defensa das melloras que reclama o barrio.