Entre a Néboa reivindica o peso da música e o baile tradicional na cultura de Lugo

LugoXa
A asociación reclama presenza da música e o baile tradicional nas programacións e rexeita as críticas ao seu suposto "sobredimensionamento" no San Froilán
Nova-Asociación-Entre-a-Néboa-Lugo
3 Oct 2026

A Asociación Cultural Entre a Néboa vén de promover o Manifesto pola cultura galega en Lugo, un documento co que pretende reivindicar a importancia da música e do baile tradicional na actividade cultural da cidade e defender unha maior presenza destas expresións nas programacións. A iniciativa xorde tamén no contexto das críticas formuladas nos últimos anos por determinados sectores no marco do debate sobre o programa do San Froilán, que cuestionaron a presenza do folclore e falaron dun suposto "sobredimensionamento" da música tradicional.

Desde Entre a Néboa consideran que esas afirmacións non se corresponden coa realidade cultural de Lugo, onde, segundo sinalan, existe unha importante actividade arredor da música e o baile de raíz tradicional. O manifesto destaca que as representacións, mostras e concertos "atéiganse de público" e que as foliadas están a gañar cada vez máis popularidade.

O documento, que xa conta co apoio de diferentes representantes e persoas vinculadas á tradición na cidade, estrutura as súas reivindicacións en cinco puntos. Entre as cuestións que recolle figura o rexeitamento expreso á consideración de que existe un exceso de música tradicional nas programacións culturais.

A asociación defende que a contratación de formacións de referencia responde precisamente á existencia dunha importante base social arredor do folclore en Lugo. Ao mesmo tempo, o manifesto pon o foco na relación histórica entre o San Froilán e a tradición galega, ao entender que a presenza da música propia nas festas non debe ser considerada un exceso nin presentada como unha manifestación cultural de menor valor fronte a outros estilos.

Outro dos puntos do texto céntrase no uso de elementos da tradición galega como ferramenta de insulto ou descualificación. Os asinantes rexeitan este tipo de actitudes e reivindican o traballo desenvolvido polas formacións e artistas vinculados á música e ao baile tradicional, así como a súa capacidade para reunir público tanto dentro como fóra de Galicia.

Neste sentido, o manifesto formula un chamamento a "superar o autoodio" e a valorar a cultura propia polo seu significado e pola súa capacidade de expresión. A asociación considera que a música e o baile tradicional non deben converterse nun motivo de burla nin ser empregados para menosprezar o traballo dos seus intérpretes.

O último dos puntos aborda a elección da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense para abrir as festas do San Froilán 2026. Entre a Néboa cualifica esta decisión de "controvertida", tendo en conta, segundo expón o documento, a existencia de numerosas formacións locais e a polémica relacionada coa utilización de determinados elementos musicais e estéticos que a asociación considera alleos á tradición galega.

A través deste manifesto, Entre a Néboa chama aos representantes institucionais e aos diferentes sectores sociais a realizar un pronunciamento público en defensa da cultura galega. A entidade reclama que a tradición sexa recoñecida como "un ben inmaterial de valor incalculábel" e que reciba a mesma consideración que calquera outra expresión cultural.

O texto remata cunha referencia a Castelao e á súa definición da cultura propia como "unha célula de universalidade", unha expresión coa que os promotores do manifesto queren pechar a súa reivindicación da tradición galega como parte esencial da vida cultural de Lugo.

0.16200804710388