Erik Truffaz, Antonio Lizana e Víctor Antón protagonizan a programación deste venres no Festival de Jazz de Lugo

O XXXVI Festival de Jazz de Lugo afronta as súas últimas xornadas cunha programación que reúne destacados nomes da escena jazzística estatal e internacional. Este venres 13 de novembro, o Círculo das Artes acollerá os concertos de Erik Truffaz e Antonio Lizana, mentres que o Club Clavicémbalo concentrará outras dúas actuacións: Andrés Coll Cosmic Trío, ás 22:30 horas, e Víctor Antón's Barney Kessel Tribute Quintet, ás 23:45 horas.
Este último proxecto rende homenaxe a Barney Kessel, un dos grandes pioneiros da guitarra de jazz e do estilo chord-melody, cunha selección de composicións dos seus primeiros álbums, publicados entre 1952 e 1955, que recuperan o son característico do jazz da Costa Oeste estadounidense. O guitarrista Víctor Antón estará acompañado por Roberto Nieva ao saxo alto, Juan Ortiz ao piano, Ernesto Larcher ao contrabaixo e Fran Gayo á batería. As dúas actuacións do Clavicémbalo poderán desfrutarse cunha única entrada, cun prezo de 15 euros na billeteira e 12 euros en venda anticipada a través de Woutick.
A programación continuará o sábado 14 de novembro coa clausura do festival. O Círculo das Artes acollerá o concerto de Clarence Bekker Band, mentres que o Club Clavicémbalo recibirá, ás 22:30 horas, a Javier Vercher Cuarteto e, ás 23:45 horas, a Cachas & Cousins.
O recoñecido saxofonista Javier Vercher, formado en Berklee e cunha destacada traxectoria en Nova York, onde recibiu o premio ao "Músico Revelación" na Bienal Tete Montoliu, lidera unha formación internacional integrada por Íñigo Ruiz de Gordejuela ao piano, Yandy Martínez ao contrabaixo e Al Brenes á batería. Tamén neste caso, unha única entrada permitirá asistir aos dous concertos do Clavicémbalo, por 15 euros na billeteira ou 12 euros anticipada.
Entre os grandes momentos desta edición destaca igualmente o concerto do Kenny Barron Trio no Auditorio Fuxan os Ventos. O pianista, recoñecido como Jazz Master e cunha longa traxectoria xunto a figuras como Dizzy Gillespie e Stan Getz, ofreceu unha actuación marcada pola elegancia, o lirismo e a sensibilidade musical. Estivo acompañado por Russell Hall ao contrabaixo e Jonathan Barber á batería.