Escola Atlética Lucense: Máis de 25 anos construíndo atletismo desde a base en Lugo

Jessica Fernández
A Escola Atlética Lucense naceu en 1998 cunha idea clara: ofrecer a nenos e mozos un espazo onde desenvolverse a través do atletismo, non só desde o punto de vista deportivo, senón tamén educativo e persoal. Máis de vinte anos despois, o club mantén esa filosofía inicial, baseada no traballo, a formación e a aposta polo talento local, aínda que continúa enfrontándose a algunhas dificultades que xa estaban presentes nos seus inicios.
Javier Piñeiro, principal adestrador e un dos impulsores do proxecto xunto a Castaño, lembra que a idea comezou a xestarse un ano antes da creación oficial do club. O obxectivo inicial era dar continuidade aos mozos que adestraban nos colexios Franciscanos e Compañía de María e ofrecerlles unha estrutura propia onde poder seguir medrando.
Ademais, existía unha necesidade importante na cidade de que existise outro club. “Tiñamos bos atletas que se metían en clubs doutras cidades, como Santiago ou Ourense, que sempre eran campións galegos, e non nos parecía ben que aparecesen como se fosen de alí. Eran de Lugo”, lembra Piñeiro, quen explica que o proxecto tamén naceu coa intención de dar recoñecemento aos deportistas da cidade.
Os comezos non foron sinxelos. A escola tivo que construírse practicamente desde cero, nunha etapa marcada polo esforzo e o investimento persoal de quen apostou polo proxecto. “Montamos a escola con moito traballo e esforzo. Custou moito porque non tiñamos nada; subvencionamos nós mesmos a escola durante anos”, sinala o adestrador, quen asegura que a motivación dos mozos era o principal impulso para seguir adiante.
Co paso do tempo, ese traballo permitiu que algúns deportistas formados no club alcanzasen o ámbito internacional. Piñeiro destaca que un dos piares fundamentais para conseguilo foi a preparación dos adestradores. “Nós preparámonos para estar ao maior nivel que poidamos como adestradores e que os nenos poidan chegar ao máximo”.
A Escola Atlética Lucense traballa desde as categorías máis temperás, comezando en prebenxamín e chegando ata veteranos. A súa estrutura busca combinar a iniciación e o perfeccionamento deportivo, pero sen perder de vista a formación persoal. A competición, independentemente do nivel ou especialidade de cada atleta, enténdese como unha parte máis da aprendizaxe e como unha ferramenta para transmitir valores como o esforzo, a responsabilidade, o respecto ou a capacidade de sacrificio.
Actualmente o club conta con arredor de 140 licenzas, aínda que Piñeiro considera que o crecemento non debe medirse unicamente en cifras. Para el, o obxectivo principal segue sendo manter unha formación de calidade e contar con profesionais preparados traballando cos mozos. Porén, recoñece que dispoñer dunha base ampla tamén aumenta as posibilidades de atopar deportistas con potencial competitivo.
A principal dificultade, segundo explica, continúa sendo económica. “Seguimos contando co mesmo diñeiro de hai 20 anos. Non mellorou a subvención que temos. Pero o hotel agora cústache tres veces máis, a comida, a gasolina... as viaxes custan o dobre, pero a subvención é a mesma”, lamenta. A isto súmase, segundo afirma, a escaseza de axudas institucionais, que considera insuficientes para afrontar os gastos de funcionamento dun club co volume de actividade que desenvolve durante toda a tempada.
No día a día, os adestramentos desenvólvense nas Pistas de Atletismo Cidade da Cultura, unha localización elixida principalmente pola comodidade e accesibilidade para as familias. A planificación varía segundo a idade e o nivel de cada deportista. Os máis pequenos traballan mediante xogos e actividades orientadas a desenvolver habilidades básicas, mentres que a partir dos 14 anos as sesións adquiren unha maior esixencia e especialización, incluíndo ximnasio, series, traballos de ritmo ou adestramentos específicos adaptados a cada caso.
Porque se hai algo no que Piñeiro insiste é en que o atletismo non pode entenderse como unha disciplina uniforme. “O adestramento dunha persoa, mesmo facendo a mesma distancia, non ten que ser igual ca o doutra porque cada unha ten as súas condicións. É como chegar a Roma. A Roma chegabas por varios camiños”.
Tamén rexeita a visión simplificada que moitas veces existe sobre este deporte. Considera que o atletismo é unha disciplina esixente e que require unha preparación axeitada para evitar problemas físicos derivados de adestramentos mal enfocados ou improvisados.
Para Piñeiro, a clave segue sendo a mesma desde hai anos: “Traballar, traballar, traballar e traballar”. Aínda que recoñece que as condicións naturais poden marcar diferenzas, sostén que sen esforzo resulta imposible alcanzar un alto nivel competitivo.
Máis alá dos resultados e das medallas, asegura sentirse orgulloso de todos os integrantes do club, independentemente das súas capacidades deportivas. O que realmente valora é o compromiso e a ilusión de quen adestra cada día. “Eu valoro o traballo e a ilusión que ten unha persoa cando lle brillan os ollos ao falar de atletismo”.
Coa vista posta no futuro, o adestrador considera que aínda existen aspectos por mellorar. O club busca reforzar a súa estrutura de patrocinio e aumentar a súa visibilidade dentro da propia cidade, algo que considera necesario para atraer máis mozos á base e continuar formando deportistas preparados para afrontar retos cada vez maiores.