Esquerda Unida critica a falta de planificación no proxecto da estación intermodal de Lugo

A proximidade da inauguración da nova estación intermodal de Lugo volve poñer o foco no futuro dos edificios que forman parte do actual complexo ferroviario. Esquerda Unida advirte de que aínda non está definido o uso que terán a antiga estación de tren, a casa do garda e unha nave de almacenamento abandonada, tres inmobles que, segundo a formación, corren o risco de quedar sen actividade por falta de planificación institucional.
EU atribúe esta situación á falta de liderado do Concello de Lugo na definición dos obxectivos do proxecto urbano vinculado á intermodal. A formación considera que esta ausencia de planificación tamén pode provocar outros problemas no futuro, entre eles os relacionados co tráfico rodado.
A organización lembra que xa en febreiro de 2019 presentou unha moción, debatida no Pleno do 28 de marzo dese ano, na que reclamaba que o Concello asumise o liderado do convenio da estación intermodal e fixase os obxectivos do proxecto urbano. Segundo EU, naquela iniciativa xa se advertía das dificultades que poderían xurdir se o Goberno local non asumía un papel protagonista.
Na moción, a formación defendía que "o Concello de Lugo debe asumir o protagonismo por enriba da administración autonómica e central", ao considerar que é a institución responsable do espazo de actuación e a que pode abordar o proxecto desde unha perspectiva urbanística e non unicamente desde a funcionalidade das infraestruturas.
EU tamén propuxera naquela altura a creación dunha Mesa de Traballo na que os diferentes grupos municipais puidesen achegar as súas propostas para definir de maneira consensuada os obxectivos da Intermodal. Segundo denuncia agora a formación, esta mesa nunca chegou a constituírse e o Goberno local non tería incorporado as propostas formuladas polos grupos municipais.
A formación lembra ademais que a súa posición sempre foi partidaria de aproveitar os edificios existentes no conxunto da antiga estación, incluído o edificio de Correos que finalmente foi derrubado, en lugar de apostar pola construción dunha nova terminal.