Este venres abre no Pazo de Feiras de Lugo unha nova edición de Equigal

A presidenta da Deputación, Carmela López, e o responsable do Pazo de Feiras, Rubén López, asinaron esta mañá un convenio de colaboración polo cal a institución provincial achega 40.000€ para financiar unha nova edición de Equigal. Aproveitaron para presentar a cita ecuestre, clave para o sector en Galicia e que se desenvolverá entre o 8 e o 17 de maio, nos xardíns do Pazo de San Marcos.
“Equigal é moito máis que un evento ou un punto de encontro para o sector. En Lugo sabemos que este é un espazo que xera actividade económica, impulsa o comercio, os servizos e o turismo e que contribúe a proxectar a imaxe de Lugo como unha provincia dinámica e con capacidade organizativa”, valorou a mandataria provincial. Explicou que “estamos a falar de miles de visitantes –nalgunha edición as cifras superaron os 10.000-, máis dun cento de cabalos de competición e dun movemento económico que nos medios de comunicación cifraron por encima do millón de euros”.
Carmela López enmarcou nese contexto o apoio da Deputación de Lugo para fortalecer o papel do Pazo de Feiras como motor de dinamización da provincia e anunciou que hoxe mesmo “renovamos o convenio de colaboración destinado a esta actividade”. Concluíu a súa intervención sinalando que a Deputación continuará apoiando este tipo de iniciativas “que funcionan, xeran valor e contribúen ao desenvolvemento de Lugo”.
A décimo novena edición de Equigal Salón Internacional do Cabalo de Galicia abrirá as súas portas o venres 8 de maio, cunha das novidades da edición, unha exhibición dinámica da Garda Real. Entre o sábado 9 e o domingo 10 de maio terá lugar o concurso morfolóxico; do luns 11 ao xoves 14 os bautizos ecuestres para o alumnado dos colexios; e do venres 15 ata o 17 terá lugar o Concurso Morfolóxico de Cabalo de Raza Galega (PRG).