Extinguido o incendio forestal de Navia de Suarna e estabilizado o de Forcarei

GaliciaXa | LugoXa
Ambos lumes afectan unha superficie conxunta próxima ás 61 hectáreas
hidroavion-extincion-incendios-monte-lugo
17 Oct 2026

O lume da parroquia lucense de Cabanela quedou extinguido este sábado ás 20.06 horas, mentres que o de San Miguel de Presqueiras, en Forcarei, foi estabilizado ás 16.13 horas, segundo informou a Consellería do Medio Rural.

A Consellería do Medio Rural informou este sábado, 17 de outubro, da extinción do incendio forestal rexistrado no concello lucense de Navia de Suarna, na parroquia de Cabanela, e da estabilización doutro lume no municipio pontevedrés de Forcarei, na parroquia de San Miguel de Presqueiras. Ambos os incendios afectan unha superficie conxunta próxima ás 61 hectáreas.

O incendio de Navia de Suarna quedou extinguido ás 20.06 horas, despois de iniciarse ás 19.23 horas do pasado mércores, 14 de outubro. O lume afectou finalmente 30,99 hectáreas, das cales 30,5 corresponden a monte raso e 0,49 a superficie arborada.

Para as tarefas de extinción mobilizáronse un total de catro técnicos, 19 axentes, 35 brigadas, 28 motobombas, dúas pas, tres avións e catro helicópteros.

Pola súa banda, o incendio forestal de Forcarei quedou estabilizado ás 16.13 horas deste sábado. O lume iniciouse ás 5.58 horas e, segundo as últimas estimacións provisionais, afecta unha superficie de 30 hectáreas.

Neste caso, os medios mobilizados ata o momento suman un técnico, oito axentes, 14 brigadas, dez motobombas, dúas pas, un avión e tres helicópteros.

A Consellería do Medio Rural lembra que a cidadanía dispón do teléfono gratuíto 085 para avisar en caso de detectar algún incendio forestal. Tamén está dispoñible para a súa descarga a aplicación ALume, que permite alertar sobre incendios forestais activos en Galicia.

Ademais, existe un teléfono anónimo e gratuíto, o 900 815 085, para denunciar calquera actividade delituosa relacionada cos incendios forestais da que se teña sospeita ou coñecemento. A información actualizada sobre os incendios forestais que acadan as 20 hectáreas pode consultarse na conta aberta de X @incendios085.

0.16650915145874