Ferreira de Pallares celebrará o 9 de agosto a súa XXI Festa Artesanal con gastronomía, música e tradición

LugoXa
A cita contará con artesáns, degustación gratuíta de filloas, pregón de Xulio López Valcárcel e unha actuación do grupo A Volta do Agro
Festa-Artesanal-Ferreira-de-Pallares-Guntín
1 Aug 2026

A parroquia de Ferreira de Pallares, no concello de Guntín, acollerá o vindeiro 9 de agosto a XXI edición da Festa Artesanal, unha cita que combinará exposición e venda de artesanía, gastronomía tradicional e actividades culturais ao longo de toda a xornada.

O programa arrancará entre as 9.00 e as 10.30 horas coa instalación dos artesáns participantes, mentres que a apertura oficial do recinto feiral está prevista para as 11.00 horas. Ao mediodía celebrarase a misa parroquial e, a continuación, ás 13.00 horas, terá lugar unha degustación gratuíta de filloas para os asistentes.

Un dos momentos centrais da xornada será a lectura do pregón, programada para as 13.30 horas e que correrá a cargo de Xulio López Valcárcel, poeta, ensaísta e narrador.

A programación continuará ás 14.30 horas cun xantar de confraternidade no que se servirá polbo con cachelos e churrasco con patacas fritidas. O prezo do menú será de 35 euros para adultos, 17 euros para nenos de entre 6 e 11 anos, mentres que os menores de 5 anos poderán asistir de balde.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a música tradicional tomará o relevo coa actuación do grupo A Volta do Agro, incluída no programa Móvete 26 da Área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

Durante a mañá tamén amenizará a festa a Charanga Bamboleo, que percorrerá o recinto contribuíndo ao ambiente festivo desta celebración que alcanza xa a súa vixésimo primeira edición.

A organización corre a cargo da Asociación de Amigos do Mosteiro de Ferreira de Pallares, coa colaboración do Concello de Guntín e o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo. As persoas interesadas en participar no xantar poderán retirar as tarxetas en Casa Fidalgo, Bar Stop, Parrillada O Xeito e Casa Maestro de Matei ata o 6 de agosto.

0.11705493927002