Finaliza o proceso de expropiación da vía LU-231 que conectará Palas de Rei coa A-54

LugoXa | TerraChaXa
Os propietarios das parcelas afectadas xa recibiron as actas de ocupación dun proxecto chamado a mellorar as comunicacións entre Palas de Rei, Friol e a autovía
obras-estrada-que-une-Friol-con-Palas-de-Rei-a-LU-231
21 Jul 2026

Rematou o procedemento de expropiación forzosa para a execución da nova vía LU-231, que unirá A Baiuca con Friol e conectará coa autovía A-54 (Lugo-Santiago). O proceso concluíu co levantamento das actas previas á ocupación e coa formalización das actas de ocupación das parcelas afectadas polo trazado.

A actuación suporá a expropiación de diferentes terreos necesarios para construír esta infraestrutura autonómica, que permitirá mellorar a conexión de Palas de Rei coa autovía A-6 e facilitará tamén o acceso desde Friol á A-54.

Trátase dunha obra demandada desde hai anos pola veciñanza e polos concellos de Palas de Rei, Friol e Begonte, que consideran esta infraestrutura clave para reforzar as comunicacións da zona.

O alcalde de Palas de Rei, Pablo Taboada, sinalou que este vial suporá "a revitalización dunha zona especialmente mal comunicada" e asegurou que mellorará as conexións no centro das provincias de Lugo e da Coruña, favorecendo o desenvolvemento de núcleos eminentemente rurais grazas a unhas comunicacións máis adecuadas.

Os propietarios dos bens e dereitos afectados recolleron durante a pasada semana as súas actas na Casa do Concello de Palas de Rei e este luns fixérono no Concello de Friol, como paso previo ao pagamento das indemnizacións correspondentes, previsto para mediados do mes de setembro.

Pablo Taboada mostrou tamén o seu desexo de que a licitación das obras se produza o antes posible e ofreceu a colaboración do Concello ás persoas afectadas que poidan presentar discrepancias respecto aos bens e dereitos expropiados, co obxectivo de facilitar o inicio dunha actuación longamente agardada.

0.12362289428711