Fontiñas contará con 103 novas prazas de aparcamento coa licitación de tres estacionamentos

LugoXa
O Concello destina 273.578 euros ás obras na rúa Primavera, a avenida Vila Verde e a contorna do Conservatorio, mentres abre un proceso para localizar terreos destinados a un cuarto aparcadoiro
ronda-fontiñas-lugo
2 Nov 2026

O barrio de Fontiñas contará con 103 novas prazas de aparcamento coa licitación das obras de tres estacionamentos disuasorios na rúa Primavera, na avenida Vila Verde e na Ronda Xosé Castiñeira, na contorna do Conservatorio de Música. A Xunta de Goberno Local aprobou esta actuación, que conta cun orzamento conxunto de 273.578,56 euros, IVE incluído, e un prazo estimado de execución de seis meses.

As prazas distribuiranse en tres puntos: 27 na rúa Primavera, 18 na avenida Vila Verde —unha delas reservada para persoas con mobilidade reducida— e 58 na Ronda Xosé Castiñeira. Os proxectos inclúen a pavimentación, drenaxe, iluminación e sinalización dos espazos, así como a ordenación dos accesos e a mellora da accesibilidade. No estacionamento próximo ao Conservatorio tamén se acondicionará unha pequena zona verde, plantaranse dúas árbores e prepararanse canalizacións para instalar no futuro puntos de recarga de vehículos eléctricos.

As tres actuacións empregarán unha solución de pavimentación que integra herba na superficie das prazas, cun acabado máis verde que favorece a infiltración da auga da chuvia e reduce a impermeabilización do terreo. Tamén se prevé repoñer os tramos de beirarrúa que estean deteriorados.

Ás obras súmase a apertura dun proceso de información pública para localizar terreos que poidan destinarse a un cuarto aparcadoiro municipal. O Concello busca parcelas de entre 2.000 e 4.000 metros cadrados situadas a un máximo de 150 metros dos límites da Rolda das Fontiñas. Tamén se poderán presentar varias parcelas lindeiras que, en conxunto, acaden a superficie mínima.

As persoas propietarias interesadas terán 20 días hábiles desde o día seguinte á publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia para presentar as súas propostas no Rexistro Xeral, na sede electrónica municipal ou a través de LECoL. Os servizos municipais analizarán despois a viabilidade técnica, urbanística, xurídica e económica dos terreos. Este trámite é unha fase de información previa e non supón aínda a decisión de adquirir ningunha parcela.

0.1509850025177