Fontiñas contará cunha nova área de xogos infantís inspirada na Muralla de Lugo

O Concello de Lugo iniciou os trámites para crear unha nova área de xogos infantís na praza do Camiño Primitivo, no barrio de Fontiñas, concretamente no espazo situado na contorna do monólito do quilómetro 100.
Ao atoparse dentro da delimitación do Camiño de Santiago, a actuación precisa da autorización da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia. Por este motivo, o Concello xa presentou a correspondente solicitude, acompañada dunha memoria técnica elaborada polo Servizo de Parques e Xardíns.
O proxecto contempla unha superficie aproximada de 224 metros cadrados, na que se instalará un elemento multixogo singular inspirado na Muralla Romana de Lugo. O deseño reproducirá algúns dos elementos máis característicos do monumento, como os lenzos, os cubos e os arcos, integrándoos nunha estrutura que ofrecerá diferentes posibilidades de xogo.
A proposta inclúe tamén a colocación dun peche perimetral de seguridade para delimitar e protexer o espazo infantil.
Esta nova dotación enmárcase nas actuacións previstas polo Concello para mellorar os espazos públicos do barrio de Fontiñas.