Francisco Narla, escritor e piloto: “Para ser un bo escritor, o que fai falta é vivir con intensidade”

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa
Francisco Narla, piloto de avión e escritor, cun percorrido de toda unha vida dedicada a contar historias, creando escenarios e facendo vivir ao lector unha viaxe na que acompañalo
Francisco-Narla-escritor-Lugo
19 Aug 2026

Jessica Fernández

Un escritor nace sendo lector?

Si, eu creo que é inevitable que, para ser escritor, haxa que ser lector. Eu sigo sendo un lector ecléctico e case compulsivo. Non necesito un diagnóstico psiquiátrico, pero case. Leo moito e, de feito, cando non leo, escoito audiolibros.

A culpa da miña vocación téñena as lecturas. Eu, ademais de namorarme das historias como consumidor, souben moi pronto que quería contalas, porque as historias de Antoine de Saint-Exupéry, sobre todo O principiño e Voo nocturno, impresionáronme moitísimo. Esas historias dese piloto francés enchéronme a cabeza de paxaros e quixen converterme en piloto e escritor. É unha vocación que levo comigo desde pequeno.

Por iso creo que un se fai escritor na infancia. A min, o que me gustaba facer no colexio eran as redaccións e contar historias a partir do que lía. Non sabería dicir unha idade concreta, pero desde pequeno sabía que me gustaba contar historias e facelo dunha maneira un pouco especial.

Como todos os artistas, empezas copiando as cousas que che gustan. Eu creo que é unha maneira natural de que o artista, na disciplina que sexa, empece a imitar aquilo que lle gusta e tarde en dominar; grazas a imitar o que lle gusta, acabas converténdote nun artesán decente e, co tempo e un pouco de sorte, conseguirás a túa propia voz e converteraste nun artista con identidade propia.

E, como case todos os escritores, tamén probas un pouco coa poesía porque, cando empezas e es un ignorante, paréceche que a poesía é máis fácil que escribir unha novela de 800 páxinas. Iso só significa que non tes nin idea do que estás facendo, porque a poesía é, probablemente, o máis difícil. Con todo, ten esa enganosa aparencia de facilidade e empezas escribindo algúns poemas.

Pouco a pouco vas medrando e, ao principio, paréceche imposible abarcar unha novela. Pero, a medida que pasan os anos e vas collendo algo de práctica, xa empeza a parecerche algo factible.

Como lembra o proceso de escribir a súa primeira novela?

A miña primeira obra foi Los lobos del centeno e escribina, basicamente, tirando da morriña. Foi unha época na que vivía no deserto de Mojave, onde estaba estudando na escola de pilotos de probas, e botaba moitísimo de menos o verde de Galicia. Vivir no medio do deserto estresaba un pouco a alguén criado nos montes galegos.

A morriña, o botar de menos o verde e os contos da miña terra foron os que me impulsaron a escribir esa primeira novela. É unha novela de terror costumista na que recollo boa parte dos contos que lera de neno e os transformo nun argumento común a través das páxinas, para dar vida a boa parte do imaxinario galego. Esa é unha constante en todas as miñas historias, onde Galicia, a súa historia e os seus protagonistas sempre cobran vida.

En canto a se é máis difícil ou menos escribir unha obra co paso do tempo, eu creo que, se un artista está comprometido, e eu creo que o estou, sempre é o mesmo proceso. Márcaste o máximo obxectivo e tratas de chegar ao cume. É como un corredor que empeza a correr. O primeiro mes, se cadra, só é capaz de facer dous quilómetros e logo cae esgotado. Pero, a medida que segue adestrando, outro día fai catro e, pouco a pouco, de súpeto decátaste de que pasou un ano e xa es capaz de facer dez quilómetros a bo ritmo e de boa maneira.

Na arte ocorre o mesmo. Cada nova obra debe ser mellor ca as anteriores e, por iso, sempre te levas ao límite. Se es un artista responsable, buscas o límite da túa capacidade, entrégaste de todas as maneiras posibles e o proceso debe doer, debe ser complicado e debe ser duro. Iso significará que, con algo de sorte, o que estás entregando na páxina, no lenzo, na partitura, no escenario ou no plano dun edificio pagará a pena.

Se ti non dás algo de ti na obra que estás entregando, nunca serán obras que realmente paguen a pena.

O que vive inspíralle para crear as súas novelas?

Si, a miña segunda novela, Caja Negra, ten como protagonista un piloto, e é unha novela de misterio, cun piloto de longo radio que aproveita as súas viaxes para ser un asasino moi difícil de capturar, porque se hoxe asasinas en Bangkok, e mañá en Nova York, é moi difícil que ninguén che siga a pista. Creo que era unha premisa divertida, pero evidentemente é unha segunda novela onde aínda son moi novato. Nese aspecto, axudoume en moitas ocasións coñecer, viaxar, ver e descubrir persoas e caracteres que ao final é o que che importa para escribir boas historias. Cando tes unha vida na que viches moito mundo e coñeciches a moitas persoas distintas, róubaslle un pouquiño a cada unha e pódelo poñer na páxina e darlles cor. E esa vida como piloto dando tombos si me axudou tamén a documentarme.

É indispensable viaxar para poder escribir un bo libro?

Eu creo que non é necesario en absoluto. Escribirás outro tipo de historias. Para o meu tipo de historias é necesario, porque ás veces hai grandes viaxes e escenarios afastados, e quizais as miñas historias son así porque eu vivín iso. Pero Crime e castigo trata sobre un home que se despedaza a si mesmo pola culpa. Non tes por que ter viaxado moito para poder escribir como escribiu Dostoievski. Quizais o que fai falta é, como dicía Hemingway, que Dostoievski empezou a escribir ben despois de pasar polo Gulag, despois de que o enviasen a Siberia. O que fai falta é vivir con intensidade. Dicía Hemingway tamén que hai que escribir sobre a puta e fodida verdade no sentido de que tes que escribir sobre aquilo que vives e coñeces. Tes que coller esas experiencias que ti viviches, vivilas intensamente e estar disposto a espirte e poñelas na páxina. Se ti iso o acompañas de viaxes e escenarios, pois ben, pero hai grandes novelas que non teñen iso e son marabillosas igualmente e hai outras que o teñen e que son unha merda. Na arte, o auténtico é o máis duro de conseguir, porque normalmente dáche medo, sentes vergoña, non é doado falar dos teus medos de neno e adxudicárllelos aos personaxes.

Desde Friol chegou a ser un autor recoñecido alá onde vai. Tamén se dá a coñecer en presentacións de libros e feiras do libro, como valora estes encontros?

Os encontros cos lectores son sempre marabillosos porque son a maneira que ten un escritor de volver vivir as súas historias a través dos ollos de quen as le. Eu estou encantado e sempre procurei ser moi activo nese tipo de actividades. Desde hai moitos anos acudo á Feira do Libro de Madrid, a Sant Jordi e ás grandes celebracións do libro. Tamén procuro estar presente nas feiras do libro de Galicia, porque ese encontro cos lectores resúltame moi agradable e é algo que espero con ilusión. Creo que forma parte do meu traballo como escritor, porque sempre hai alguén que quere facerche unha pregunta, coñecer mellor os teus libros ou saber un pouco máis de ti.

Con xa 13 novelas, ten en mente a seguinte?

Si, eu espero seguir escribindo ata que non poida facelo, toda a miña vida. Gustaríame seguir escribindo ata o final dos meus días porque é algo que me apaixona. O proxecto máis inmediato no que estou inmerso é a promoción da segunda entrega da triloxía Compostela, formada por Ultreia, Suseia e Santiago, que verá a luz en setembro.

A través destas tres novelas tentei facer un retrato dos máis de mil anos de historia do Camiño de Santiago e das súas múltiples dimensións: o poder, a política, a corrupción, a arte, a redención ou a espiritualidade. Cada unha delas sitúase nun momento concreto do Camiño cun grande interese histórico e cultural, reivindicando, como sempre, a nosa historia.

Por exemplo, en Suseia aparecen as Cortes de León de 1188. Paréceme incrible que non presumamos máis de que a democracia moderna nace no antigo reino de Galicia e León. Foi entón cando, por primeira vez, os cidadáns votaron e elixiron representantes nun sentido parlamentario moderno.

Pero, por riba deses grandes acontecementos históricos, sempre ten que haber unha historia humana. No caso de Suseia, o protagonista é o mestre Mateo mentres conclúe a catedral. A novela mostra como un home pode chegar a desfacer a súa vida, romper o seu matrimonio e afastarse do seu fillo por perseguir a perfección, por querer converterse no mellor artista posible e erguer a obra máis extraordinaria.

Esta triloxía sobre o Camiño de Santiago mantenme completamente ocupado durante este ano. Ao mesmo tempo, xa estou preparando algunhas ideas para a novela que publicarei o ano que vén. Teño varios proxectos en mente, aínda que, por agora, prefiro non adiantar nada.

0.13359308242798