Friol acollerá este domingo a presentación do libro infantil ‘Unha cubanita perdida en Galicia’

LugoXa | TerraChaXa
O relato conta como a protagonista deixa atrás a súa Cuba natal para instalarse nunha remota aldea galega
presentacion-libro-cubanita
12 Sep 2026

O Centro Sociocultural de Friol acollerá este domingo, 13 de setembro, ás 18.00 horas, a presentación do libro Unha cubanita perdida en Galicia, unha historia protagonizada por Cuca, unha moza cubana que chega a Galicia tras perder os seus pais.

O relato conta como a protagonista deixa atrás a súa Cuba natal para instalarse nunha remota aldea galega, onde se atopa cunha contorna que a recibe con certo receo. A súa bondade converterase na súa principal guía para afrontar esta nova etapa da súa vida.

A historia continúa na cidade, onde Cuca estuda para converterse en enfermeira e se enfronta a unha situación que poñerá a proba o seu carácter e cambiará o seu destino para sempre.

O libro, escrito por Nibiru e ilustrado por Olga Shelkunova, presenta unha fábula sobre a empatía e a perseveranza e transmite a idea de que a bondade pode ser unha forza capaz de transformar as relacións e superar barreiras.

A obra tamén pon o foco no traballo, a solidariedade e a xenerosidade, ao tempo que defende que a verdadeira riqueza non se atopa nos bens materiais, senón no amor e na capacidade de axudar aos demais.

A presentación, organizada no Centro Sociocultural de Friol, está aberta a todos os interesados.

0.1429009437561