Friol acollerá unha xornada divulgativa sobre a relixión e a morte na cultura castrexa

Friol será escenario este domingo, 26 de abril, dunha nova proposta cultural centrada na divulgación histórica e arqueolóxica. O Centro Sociocultural da localidade acollerá ás 19:30 horas a II Xornada Divulgativa baixo o título A relixión e a cultura da morte na cultura castrexa. Os últimos achádegos.
A sesión contará coa participación de Javier Gómez Vila, doutor en Arqueoloxía, quen abordará os aspectos máis relevantes das crenzas e prácticas funerarias das comunidades castrexas, así como os avances máis recentes derivados das investigacións arqueolóxicas neste ámbito.
A iniciativa está organizada pola asociación A Castronela e conta coa colaboración do Concello de Friol e da Universidade de Santiago de Compostela, a través do seu departamento de Pedagoxía e Didáctica. O evento pretende achegar ao público xeral o coñecemento sobre o pasado castrexo de Galicia, poñendo en valor tanto o patrimonio como o traballo investigador desenvolvido nos últimos anos.