Friol acometerá obras de aglomerado nas vías de acceso a Busto e A Covariza

LugoXa | TerraChaXa
Cun investimento de case 214.000 euros, o proxecto estará financiado integramente pola Xunta de Galicia
obras-accesos-bustos-a-covariza
16 Jun 2026

O Concello de Friol levará a cabo unha importante actuación de mellora viaria nos accesos aos núcleos de Busto e A Covariza, situados na parroquia de Silvela, cun investimento de case 214.000 euros. O proxecto estará financiado integramente pola Xunta de Galicia.

As obras consistirán na execución de traballos de movemento de terras, drenaxes e realización de firmes, actuacións necesarias para acondicionar estas vías, que actualmente presentan un estado de conservación deficiente debido ao paso do tempo e ao uso continuado.

Con esta intervención preténdese mellorar a seguridade viaria, facilitar a mobilidade dos veciños e veciñas da zona e garantir unhas mellores condicións de acceso aos dous núcleos rurais.

O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a importancia desta actuación e sinalou que “seguimos traballando para que as nosas estradas se manteñan no mellor estado de conservación posible, sempre buscando o mellor para o noso municipio e para os nosos veciños e veciñas”.

Así mesmo, quixo agradecer o apoio e a colaboración da Xunta de Galicia, que financia integramente este proxecto, destacando “a sensibilidade e o compromiso do Goberno galego co rural e coa mellora das infraestruturas municipais, permitindo que actuacións necesarias como esta poidan converterse nunha realidade para beneficio dos veciños e veciñas de Friol”.

Desde o Goberno municipal subliñan que a colaboración entre administracións resulta fundamental para continuar impulsando actuacións que contribúan á mellora das infraestruturas e da calidade de vida no rural, reafirmando así o compromiso do Concello coa modernización e conservación da rede viaria municipal.

0.11944603919983