Friol destina máis de 50.000 euros á rehabilitación dos centros sociais de Lamas e Prado

O Concello de Friol continúa apostando pola mellora das infraestruturas municipais e pola recuperación dos espazos públicos das parroquias rurais. Neste marco, estanse levando a cabo actuacións de rehabilitación nos centros sociais de Lamas e Prado, a través do Obradoiro de Emprego municipal, cun investimento conxunto que supera os 50.000 euros.
No Centro Social de Lamas, o orzamento de execución ascende a 34.851,35 euros, IVE incluído, destinados a diferentes actuacións de mellora e acondicionamento do edificio.
Os traballos contemplan demolicións e tarefas previas, movemento de terras, renovación de tabiquería e revestimentos, mellora de firmes e pavimentos, instalacións, carpinterías exteriores, pintura e reforzos estruturais, co obxectivo de mellorar as condicións de conservación, funcionalidade e utilización das instalacións.
Pola súa banda, no Centro Social de Prado estanse realizando tamén actuacións de rehabilitación e mellora cun investimento de 15.300 euros.
Deste xeito, a inversión total nas dúas instalacións supera os 50.000 euros, aos que se suman os distintos recursos e medios destinados ao desenvolvemento dos traballos a través do Obradoiro de Emprego municipal.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, destacou a importancia destas actuacións:
"Estamos a investir nos lugares onde realmente fai falta, nas parroquias e nos espazos que utiliza a nosa veciñanza. Os centros sociais son moito máis ca edificios: son puntos de encontro, lugares de convivencia e espazos fundamentais para manter viva a actividade social das nosas parroquias".
Santos engadiu que "desde o Concello seguimos apostando por un Friol vertebrado, no que todas as parroquias conten con instalacións dignas, acondicionadas e preparadas para dar resposta ás necesidades dos seus veciños. Non queremos que a calidade dos servizos e dos espazos públicos dependa do lugar no que se viva".
O rexedor tamén puxo en valor o papel do Obradoiro de Emprego municipal, sinalando que "este programa permítenos combinar a formación e a adquisición de experiencia profesional co desenvolvemento de actuacións útiles para o noso municipio. É unha maneira de crear oportunidades laborais ao tempo que melloramos os equipamentos municipais".
Con estas intervencións, o Concello de Friol reafirma o seu compromiso co mantemento e a modernización das infraestruturas municipais, prestando especial atención ás parroquias e aos espazos que contribúen a fortalecer a convivencia e a vida comunitaria.