Friol licita obras de mellora en camiños municipais por valor de 130.000 euros

O Concello de Friol vén de abrir o prazo de licitación para a execución dun importante proxecto de mellora de camiños municipais de acceso a distintas entidades do municipio, cun investimento superior aos 130.000 euros. Esta actuación levarase a cabo con cargo ás axudas para actuacións en camiños rurais correspondentes ao período 2026-2027, cofinanciadas polo Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (FEADER).
As obras previstas realizaranse nos camiños de acceso ás entidades de A Pereira, A Laxe, San Cibrao, Arriba e O Burgo de Negral, co obxectivo de mellorar as infraestruturas viarias do rural e facilitar as comunicacións tanto para os veciños como para as explotacións agrícolas e gandeiras da zona.
A finalidade principal deste proxecto é contribuír á mellora dos resultados económicos das explotacións agrarias, favorecendo a súa modernización, reestruturación e adaptación ás necesidades actuais do mercado. Ademais, a actuación permitirá optimizar os accesos ás explotacións gandeiras, facilitando o seu funcionamento diario e reducindo os custos derivados do transporte e da mobilidade.
Dende o Concello destacan que estas intervencións suporán tamén unha importante mellora da calidade de vida da veciñanza, ao garantir vías de comunicación máis seguras, cómodas e eficientes para todos os usuarios.
O alcalde de Friol, José Ángel Santos, subliñou a importancia de continuar investindo na conservación e mellora da rede viaria municipal. Neste sentido, afirmou que “temos que seguir traballando para que as nosas estradas se manteñan no mellor estado de conservación posible, e tamén traballamos para conseguir que amañen as que non dependen do Concello, e asegurar así, na medida do posible, a seguridade viaria dentro do noso municipio”.
Con esta nova actuación, o Concello de Friol reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas rurais e co apoio ao sector agrogandeiro, fundamental para o desenvolvemento económico e social do municipio.