Friol organiza as III Xornadas de Cine Rural con tres sesións dedicadas á cultura e ao territorio

LugoXa | TerraChaXa
O ciclo celebrarase os días 28 de febreiro, 7 e 14 de marzo no Centro Sociocultural con proxeccións e coloquios abertos ao público
cine-rural-Friol-2026
16 Feb 2026

O Concello de Friol impulsa unha nova edición das súas III Xornadas de Cine Rural, unha proposta cultural que foi presentada polo profesor da Universidade de Santiago de Compostela Suso Rodríguez Rodríguez e pola concelleira Ángeles Buján.

A iniciativa, que conta coa colaboración do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC, volverá converter durante os meses de febreiro e marzo os sábados pola tarde nun espazo para o cinema e a reflexión arredor do medio rural.

As sesións desenvolveranse no salón de actos do Centro Sociocultural de Friol os días 28 de febreiro ás 17:00 horas e 7 e 14 de marzo ás 17:30 horas. O programa inclúe tres propostas diferenciadas que combinan proxeccións audiovisuais e intervencións das persoas protagonistas.

A primeira cita, o 28 de febreiro, estará dedicada ao filme “A rebelión da lectura”, unha peza que recolle a traxectoria de Espazo Lectura, convertido ao longo de dúas décadas nun singular exemplo de activismo cidadán en defensa do libro e do hábito lector. A través das imaxes e das voces do seu voluntariado, o documental percorre a experiencia da Casa da Lectura, situada na parroquia rural de Donas, en Gondomar, e a súa proxección máis alá do ámbito local. A sesión contará coa participación das directoras Asun G. Losada e Alma Alonso.

O 7 de marzo será a quenda de “Patrimonio lúdico galego. Investigación, recursos”, un documental vinculado a unha publicación que, a partir de experiencias, estudos e proxectos concretos, recompila múltiples perspectivas que reivindican o xogo e o xoguete como elementos fundamentais da identidade colectiva. A obra propón recuperar o valor de xogar como ferramenta para lembrar quen somos e para manter viva a cultura galega. A presentación correrá a cargo de Paco Veiga García.

A terceira e última xornada, o 14 de marzo, centrarase en “O papel das abellas no noso rural”. A actividade incluirá unha presentación audiovisual e unha charla explicativa impartida por Erea Moreno Pena, Antía Fernández Pena, Vera Abel Corral, Iria Barcia e o propio Suso Rodríguez. Durante esta sesión abordaranse as contribucións das abellas ao medio rural e exhibiranse distintos documentais sobre este insecto, nun encontro de carácter divulgativo dirixido a todo o público interesado en coñecer cuestións básicas sobre a súa relevancia ecolóxica e produtiva.

O alcalde, José Ángel Santos, destacou a relevancia de dar continuidade por terceiro ano consecutivo a esta iniciativa co obxectivo de seguir dinamizando o rural a través de actividades abertas á veciñanza, que permiten gozar de tardes diferentes, culturais e de intercambio e convivencia entre os habitantes do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.086015939712524