Gafas homologadas chegan aos fogares de Antas de Ulla para seguir con seguridade a eclipse solar do 12 de agosto

Os veciños e veciñas de Antas de Ulla están a recibir nos seus domicilios gafas homologadas para observar con seguridade a eclipse solar do 12 de agosto, unha iniciativa que busca facilitar o seguimento deste fenómeno astronómico en condicións adecuadas e evitar posibles danos na vista. Xunto co material de protección, os fogares reciben tamén unha carta informativa coas principais recomendacións para contemplar o eclipse sen riscos.
A actuación converte a Antas de Ulla nun dos concellos pioneiros da provincia de Lugo á hora de facer chegar directamente á cidadanía protección homologada para a observación do eclipse, achegando os medios necesarios ás propias vivendas e fomentando unha observación responsable do acontecemento.
Entre as recomendacións incluídas na información distribuída figura a importancia de non mirar en ningún momento directamente ao Sol sen a protección axeitada, así como prestar unha especial atención aos nenos e nenas durante a observación do fenómeno.
Para garantir que toda a veciñanza poida acceder a este material, tamén se reservaron unidades adicionais das gafas homologadas. As persoas que por calquera circunstancia non as reciban no seu domicilio poderán solicitalas nas dependencias municipais ata esgotar as existencias dispoñibles.
Desde o Concello de Antas de Ulla explican que o obxectivo desta campaña é que toda a veciñanza teña a oportunidade de desfrutar dun acontecemento excepcional con todas as garantías de seguridade. Ademais, agradecen a colaboración das persoas que participaron na preparación e organización do reparto, que permitiu facer chegar o material aos fogares do municipio e anticiparse aos posibles riscos asociados á observación do eclipse.