Galegos celebrará as súas festas na honra de Santiago Apóstolo do 24 ao 26 de xullo

A parroquia de Galegos, no municipio de Lugo, celebrará do 24 ao 26 de xullo as súas festas na honra de Santiago Apóstolo cun amplo programa de actividades pensado para todos os públicos, no que non faltarán a música, a gastronomía e as propostas de lecer.
A celebración comezará o venres 24 cunha churrascada gratuíta para as persoas asistentes, organizada coa colaboración da comisión de festas. A partir das 23.30 horas dará comezo a verbena, amenizada polo grupo La Hora Bruja.
O sábado 25 a xornada arrancará ás 11.00 horas coa actuación dos pasacalles a cargo de Bauti Pros. Unha hora máis tarde celebrarase a misa solemne no campo da festa, seguida da tradicional sesión vermú. Pola noite terá lugar unha nova verbena coa actuación da orquestra J.B. Son e da artista Leticia Sabater. Ademais, haberá inchables e merenda gratuítos para os nenos e nenas a partir das 18.00 horas.
As festas rematarán o domingo 26 cunha sesión vermú amenizada polo dúo Eclipse e coa actuación de DJ Francis.
Paralelamente á programación festiva, durante toda a semana desenvolverase un torneo de fútbol sala nas categorías de solteiros e casados, así como nas modalidades masculina e feminina.