Galeguía congregará en Lugo a mulleres de catro países arredor do canto comunitario

GaliciaXa | LugoXa
O primeiro encontro artístico celebrarase do 13 ao 15 de novembro no Pazo de San Marcos e en espazos da USC, con preto de 60 persoas inscritas e actividades de música tradicional, obradoiros e concertos
Presentacion Galeguia Lugo
10 Nov 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo impulsa Galeguía, un proxecto de intercambio cultural e artístico entre comunidades de mulleres de Cabo Verde, Brasil, Portugal e Galicia a través do canto comunitario. A iniciativa dará os seus primeiros pasos esta fin de semana co I Encontro Artístico de Canto de Mulleres Galeguía, que reunirá na cidade preto de 60 persoas inscritas entre o venres 13 e o domingo 15 de novembro.

A deputada de Cultura, Iria Castro, presentou o proxecto no Pazo de San Marcos xunto coa coordinadora da iniciativa, Neves Núñez; a vicerreitora de Cultura da USC, Ana Cabana; e o músico Xoán Fuertes, responsable do concerto que pechará o encontro. Castro definiu Galeguía como unha proposta "rupturista e necesaria" e destacou a importancia de construír espazos colectivos nun momento que cualificou de individualista.

Pola súa banda, Neves Núñez puxo como exemplo o Movemento Primavera de Coros de Portugal, que xurdiu tras a pandemia a partir de pequenos grupos e proxectos de canto colectivo. A coordinadora explicou que o movemento, organizado a escala nacional en 2025, está a adquirir un papel relevante nas mobilizacións sociais do país e contribúe a espallar novas formas de participación comunitaria.

O PROGRAMA

O encontro contará coa participación de artistas e investigadoras especializadas no canto colectivo e na música tradicional, entre elas Vânia Couto, mestra do Coro das Mulheres da Fábrica; Ugía Pedreira, integrante do grupo de cantareiras Erikas e Peluxías; e representantes de formacións como Batuko Tabanka. A programación combinará palestras sobre tradicións musicais de Portugal e Cabo Verde, obradoiros de canto comunitario, batuko, adufe e pandeireta, así como espazos de reflexión sobre os beneficios de cantar en grupo.

As actividades comezarán o venres 13 no Pazo de San Marcos, cunha presentación ás 10:15 horas e palestras sobre o adufe e a palabra cantada, a cargo de Liliana Abreu, e o batuko como canto colectivo das mulleres da illa de Santiago, impartida por Luzia Oca. Pola tarde desenvolveranse obradoiros de canto colectivo con Vânia Couto, un primeiro ensaio de canción popular lusófona e unha sesión de toque de adufe e pandeireta co Coro das Mulheres da Fábrica e as Erikas e Peluxías.

O sábado 14, o Pazo de San Marcos acollerá unha palestra sobre o Movemento Primavera de Coros, con Matilde Simões, e un obradoiro sobre a saúde de cantar en comunidade, dirixido por Ugía Pedreira. Pola tarde, Batuko Tabanka impartirá un obradoiro de batuko e o Auditorio da Facultade de Veterinaria acollerá o segundo ensaio de canto comunitario. A xornada rematará ás 19:00 horas cun concerto de Vânia Couto e Xoán Fuertes, acompañados por Ugía Pedreira, Liliana Abreu, Miguel Díaz Valdês, Dulce Cruz e as voces do Coro das Mulheres da Fábrica, Erikas e Peluxías e Batuko Tabanka.

O programa pecharase o domingo 15, ás 11:00 horas, cunha xuntanza aberta na Casa do Saber da USC para conversar sobre a posible creación dun grupo de canto colectivo e reunir as persoas interesadas en formar parte del.

0.15762782096863