Galicia estrea as Rutas Enoturísticas das IXP de Viño para descubrir o territorio a través da cultura vitivinícola

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa
As xornadas celebraranse o 16 de xuño no Pazo de Goiáns, en Boiro; o 22 de xuño no Pazo de Trasalba, en Amoeiro; o 29 de xuño no Pazo de Mariñán, en Bergondo; o 3 de xullo no Mosteiro de Poio; e o 13 de xullo na Casa do Cazador, en Negueira de Muñiz
uvas-y-copas-vino
9 Jun 2026

Galicia contará desde agora cunha nova proposta turística centrada no viño coa posta en marcha das Rutas Enoturísticas das IXP de Viño de Galicia, unha iniciativa impulsada polos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR) participantes no proxecto de cooperación “Desenvolvemento do Enoturismo nas IXP de Viño de Galicia”, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia.

O proxecto conecta por primeira vez as cinco Indicacións Xeográficas Protexidas vitícolas galegas baixo unha estratexia común de promoción e dinamización turística, combinando viño, gastronomía, patrimonio e paisaxe. A iniciativa inspírase na filosofía da campaña “Viños que falan de nós” e nace co obxectivo de promover o enoturismo, dar a coñecer os viños das IXP galegas e contribuír ao desenvolvemento económico dos territorios vinculados á viticultura mediante unha oferta diferenciada, sostible e de calidade.

A proposta estrutúrase arredor de cinco itinerarios que permitirán descubrir distintas paisaxes e identidades vitivinícolas de Galicia. Trátase da Ruta dos Viños Mareiros, correspondente á IXP Barbanza e Iria; a Ruta dos Viños con Esencia de Río, da IXP Val do Miño-Ourense; a Ruta dos Viños da Biosfera, da IXP Betanzos; a Ruta dos Viños Oceánicos, da IXP Ribeiras do Morrazo; e a Ruta dos Viños entre Montañas, vinculada á IXP Terras do Navia.

Como elemento vertebrador da iniciativa crearase tamén o Pasaporte das IXP de Viño de Galicia, acompañado doutros recursos divulgativos e promocionais como unha guía específica, contidos audiovisuais, unha plataforma web común e unha rede de colaboradores destinada a reforzar a visibilidade das indicacións xeográficas e das súas adegas.

A presentación pública deste novo produto turístico desenvolverase a través das Xornadas Enoturísticas das IXP de Viños de Galicia, un programa de cinco eventos gratuítos que incluirán presentacións dos itinerarios, visitas guiadas, catas comentadas e degustacións de produtos locais.

As xornadas celebraranse o 16 de xuño no Pazo de Goiáns, en Boiro; o 22 de xuño no Pazo de Trasalba, en Amoeiro; o 29 de xuño no Pazo de Mariñán, en Bergondo; o 3 de xullo no Mosteiro de Poio; e o 13 de xullo na Casa do Cazador, en Negueira de Muñiz.

As persoas interesadas poderán consultar toda a información sobre as rutas e formalizar a súa inscrición gratuíta a través da páxina web viños.ixp.gal.

O proxecto está promovido polos GDR Pontevedra-Morrazo, que exerce como coordinador, xunto con Deloa, Mariñas-Betanzos, Ardecou, Salnés-Ulla-Umia e Montes e Vales Orientais, en colaboración coa Asociación das IXP de Viños de Galicia, adegas, viticultores e outros axentes dos cinco territorios participantes.

A iniciativa desenvólvese ao abeiro da intervención Leader do Plan Estratéxico da PAC 2023-2027 e conta co financiamento do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).

0.13060593605042