Garabolos sumará 168 novas vivendas públicas cun investimento de case 30 millóns de euros

A zona de Garabolos, en Lugo, contará con 168 novas vivendas de promoción pública (VPP) tras a autorización da licitación das obras por parte do Consello da Xunta. O contrato, cun orzamento de 29.659.063,25 euros, permitirá desenvolver unha nova edificación residencial na parcela A deste ámbito.
O anuncio foi realizado polo presidente da Xunta, Alfonso Rueda, durante a comparecencia posterior á reunión do Consello, a primeira celebrada tras o parón estival.
O proxecto ocupará unha parcela duns 3.336 metros cadrados e a superficie construída total alcanzará os 25.443,44 metros cadrados. A edificación distribuirase en diferentes niveis destinados a aparcadoiros, espazos auxiliares e as propias vivendas.
A parte subterránea estará formada por dúas plantas de soto, nas que se habilitarán garaxes, trasteiros e locais para instalacións. Debido ao desnivel natural existente no terreo, os accesos resolveranse desde diferentes fachadas: o soto -1 terá a súa entrada pola fachada este e o soto -2 pola fachada norte.
O nivel da planta baixa estará concibido principalmente como un espazo de relación comunitaria, cun soportal aberto cara á rúa. Nesta zona situaranse os accesos aos tres portais do edificio, ademais de dependencias para instalacións, limpeza, xestión de residuos e outros usos auxiliares.
As vivendas ocuparán as plantas superiores, desde a primeira ata a sétima. A distribución repetirase nestes niveis e cada un dos tres portais permitirá acceder a oito vivendas por planta, o que suma 24 fogares en cada andar.
En total, o edificio albergará 168 vivendas, das cales sete estarán adaptadas para persoas con mobilidade reducida. As distintas unidades estarán organizadas arredor dun corredor central que conectará os tres núcleos verticais de comunicación.