Germán Díaz leva a tradición da zanfona galega a un festival internacional en Polonia

GaliciaXa | LugoXa
O músico e investigador lucense participou en Strefa Liry cunha conferencia, varios seminarios e o concerto de clausura, poñendo en valor o patrimonio musical conservado en Lugo
german-diaz-zanfona
20 Aug 2026

O músico e investigador lucense Germán Díaz levou a historia e a tradición da zanfona galega ata Polonia coa súa participación en Strefa Liry, un novo festival internacional dedicado a este instrumento que se celebrou esta semana no The Museum of Folk Architecture de Sanok, considerado un dos grandes museos etnográficos ao aire libre de Europa.

Díaz tivo un destacado protagonismo na programación do encontro, no que foi o encargado de ofrecer a conferencia inaugural. A súa presenza completouse con varios seminarios especializados dirixidos a intérpretes procedentes de diferentes países e coa actuación que puxo o broche final ao festival.

A historia e a evolución da zanfona na Península Ibérica centraron boa parte da súa intervención, na que prestou unha atención especial ao patrimonio desenvolvido e conservado en Galicia e, particularmente, na provincia de Lugo.

O investigador fixo un percorrido por nomes fundamentais para comprender a traxectoria deste instrumento, desde Faustino Santalices e Antón Corral ata a saga dos Pérez ou Perfecto Feijoo. Tamén abordou a posterior renovación da zanfona a través do traballo de músicos e proxectos como Milladoiro, Amancio Prada, Óscar Fernández ou Anxo Pintos.

Entre os aspectos que espertaron maior interese entre os asistentes estivo o modelo galego empregado para conservar e transmitir esta tradición musical. Díaz explicou como a investigación, a fabricación artesanal dos instrumentos, o ensino e a creación artística contribuíron conxuntamente a manter viva a zanfona e favorecer a súa evolución.

Neste percorrido reservou un papel destacado para Lugo. O músico lembrou a creación en 1951 do Obradoiro-Escola de Instrumentos Musicais Galegos grazas ao mecenado de Antonio Fernández López e conectou aquel labor pioneiro coa actividade que continúa desenvolvéndose actualmente arredor deste instrumento.

Tamén puxo en valor o traballo do CENTRAD, o Centro de Artesanía e Deseño da Deputación de Lugo, que conserva unha relevante colección relacionada coa historia da zanfona en Galicia e constitúe un espazo de referencia para afondar tanto nas súas orixes como na súa evolución.

A participación en Strefa Liry súmase á intensa actividade internacional que Germán Díaz vén desenvolvendo nos últimos anos. Países como India, Estonia ou Polonia convertéronse en escenarios desde os que divulgar o patrimonio musical galego e, ao mesmo tempo, establecer contactos e novas colaboracións con intérpretes, creadores e investigadores doutras culturas.

"Viaxar coa zanfona é tamén unha maneira de crear pontes culturais", explica Díaz, quen destaca que estes encontros permiten "dar a coñecer o noso patrimonio, pero tamén aprender doutras tradicións e crear novas colaboracións".

A cita polaca chega, ademais, nun ano de especial actividade para o músico lucense. Recentemente presentou en Estonia a música creada para unha nova produción de 'La vida es sueño', de Calderón de la Barca, e foi nomeado aos Premios da Academia da Música de España.

A presenza de Germán Díaz en Sanok supón así un novo escaparate internacional para a zanfona galega e para o patrimonio musical vinculado a este instrumento que Lugo conserva e continúa transmitindo.

0.11903691291809