Goberno e Concello de Lugo reforzan a cooperación institucional nunha reunión con novos investimentos estatais

GaliciaXa | LugoXa
A subdelegada do Goberno destaca máis de 66 millóns de euros en proxectos clave e defende que Lugo vive un momento “histórico” de investimento público
subdelegada-do-Goberno-Olimpia-con-alcaldesa-de-Lugo-Elena-Candia
4 Jun 2026

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, mantivo unha primeira reunión institucional coa alcaldesa de Lugo, Elena Candia, nun encontro no que ambas coincidiron en destacar a importancia da colaboración entre administracións para impulsar o desenvolvemento da cidade.

Durante a reunión, López puxo en valor o compromiso do Goberno de España con Lugo, que se traduce na mobilización de máis de 66 millóns de euros destinados a infraestruturas, vivenda, mobilidade e transformación urbana. Segundo indicou, estes investimentos forman parte dun traballo institucional sostido nos últimos anos que permitiu activar proxectos estratéxicos e consolidar unha carteira de actuacións sen precedentes.

A subdelegada sinalou que Lugo vive un momento especialmente relevante en materia de investimento público, no que xa se están executando ou teñen financiamento garantido varias iniciativas consideradas clave para o futuro da cidade. Entre elas destacou a nova estación Intermodal, cun investimento de 22,3 millóns de euros, que mellorará a conectividade ferroviaria e a integración urbana da contorna.

Tamén puxo o foco na futura comisaría da Policía Nacional no barrio da Abella, tras a autorización de 9 millóns de euros, unha infraestrutura que, segundo explicou, permitirá modernizar os servizos de seguridade. Ademais, salientou a achega de 8,7 millóns de euros procedentes de fondos europeos para o proxecto Novo Norte, orientado á transformación urbana e ao impulso económico da cidade.

López incidiu en que estas actuacións non son promesas, senón proxectos xa comprometidos e en distintas fases de execución, e reiterou a disposición da Subdelegación do Goberno para seguir colaborando co Concello desde a cooperación institucional e a lealdade entre administracións.

Pola súa parte, a alcaldesa de Lugo, Elena Candia, trasladou a necesidade de impulsar distintos proxectos dependentes do Goberno central que, segundo sinalou, teñen unha incidencia directa na seguridade, a mobilidade, as infraestruturas e a calidade de vida da cidadanía lucense.

Entre os asuntos abordados destacou a situación da rotonda de Nadela, unha das principais portas de entrada á cidade. A rexedora reclamou avances tanto na iluminación deste punto como nas actuacións de humanización e seguridade viaria comprometidas para esta travesía.

Outro dos temas centrais da reunión foi a futura Comisaría da Policía Nacional. Candia interesouse polo estado de tramitación do proxecto e polos prazos previstos para a súa licitación e execución. Ademais, defendeu a creación dunha Unidade de Prevención e Reacción (UPR) estable para Lugo co obxectivo de reforzar a seguridade na cidade.

O encontro serviu tamén para analizar a situación das principais infraestruturas viarias pendentes. Neste sentido, a alcaldesa incidiu na necesidade de avanzar na mellora da N-540, culminar a autovía A-54 e desbloquear definitivamente a A-56 entre Lugo e Ourense, unha infraestrutura que considera fundamental para a vertebración do interior de Galicia.

No ámbito ferroviario, a alcaldesa subliñou que a posta en funcionamento da estación intermodal debe ir acompañada dunha mellora efectiva das conexións ferroviarias. Entre as demandas trasladadas figuran un incremento das frecuencias, unha redución dos tempos de viaxe e servizos máis adaptados ás necesidades actuais da cidade.

Durante a reunión tamén se abordou o futuro do Cuartel de San Fernando. Candia solicitou o apoio do Goberno central para avanzar na súa rehabilitación mediante programas de financiamento destinados á recuperación do patrimonio histórico, como o coñecido 2% cultural.

A alcaldesa destacou o clima de colaboración mantido durante o encontro e subliñou a importancia de conservar unha comunicación fluída entre administracións para facer seguimento dos proxectos pendentes. Neste sentido, defendeu que o Concello debe velar polos intereses da cidade e colaborar co resto de institucións para impulsar actuacións estratéxicas para o seu desenvolvemento.

Candia enmarcou esta reunión na nova etapa de relación institucional promovida polo Concello de Lugo, baseada no diálogo, a cooperación e a defensa dos intereses xerais da cidade. Segundo afirmou, a cidadanía espera que as administracións traballen de maneira coordinada para resolver problemas e aproveitar oportunidades de futuro para Lugo.

 

0.11130309104919