High Paw protagoniza a primeira sesión de Microaberto do curso na Facultade de Administración de Lugo

A cafetaría da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo acolle este martes 24 de novembro, ás 20:00 horas, a primeira sesión de Microaberto deste curso, unha actividade incluída na programación do Outono Cultural da USC. Nesta ocasión, a artista convidada é High Paw.
O microaberto ofrece un espazo para que as persoas participantes compartan creacións propias ou interpretacións a través de cancións, monólogos, poemas, contos e outras propostas artísticas. A actividade conta tamén coa posibilidade de participar no escenario mediante inscrición previa e para obter máis información sobre as actuacións está dispoñible o enderezo cultura.lugo@usc.gal.
A programación complétase cun obradoiro de improvisación e música hip hop impartido por High Paw, baixo o título "Improvisando pola vida. Ferramentas de resposta". A sesión desenvólvese de 17:00 a 19:30 horas no Seminario 1 da mesma facultade e require inscrición previa.
Ambas as actividades enmárcanse no convenio Lugo Cultural, que desenvolven a Universidade de Santiago de Compostela, a área de Cultura e Turismo do Concello de Lugo e a Vicepresidencia da Deputación Provincial de Lugo.