'Ictus' de Grupo Chévere chega ao Gustavo Freire cunha proposta escénica accesible

LugoXa
A función celebrarase o 16 de abril ás 20:30 horas e contará con servizos adaptados para persoas con discapacidade visual e auditiva
Ictus-Grupo-Chevere
15 Apr 2026

O Auditorio Municipal Gustavo Freire acollerá este xoves, 16 de abril de 2026, ás 20:30 horas a representación de Ictus, unha produción da compañía Chévere en colaboración co Centro Dramático Nacional (CDN).

A obra nace a partir dun feito institucional concreto: o acto de recepción do cadro de Castelao titulado 'A derradeira leición do mestre', organizado polo Goberno galego a finais de 2018, que serve como punto de partida para a creación escénica.

A proposta afonda na memoria, a identidade e os símbolos culturais a través dunha linguaxe teatral contemporánea, tomando como referencia unha das obras máis emblemáticas do artista galego.

Ademais, Ictus destaca polo seu compromiso coa accesibilidade, xa que contará con intérpretes de lingua de signos española (LSE) en escena e cun servizo de audiodescrición en directo, facilitando o acceso á obra tanto a persoas xordas signantes como a persoas con discapacidade visual. A función tamén disporá dun programa de man adaptado en lectura fácil.

Esta obra conta cun reparto de actores e actrices recoñecido, formado por Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira (Padín en Clanes), Borja Fernández, Gema Santos e Marcos Pereira.

Como complemento, a compañía ofrece a posibilidade de participar nun paseo táctil previo ao inicio da representación, unha actividade dirixida a persoas cegas ou con discapacidade visual que permite coñecer elementos da escenografía e do espectáculo antes da función. Para participar nesta iniciativa será necesario realizar inscrición previa enviando un correo electrónico a cultura@lugo.gal, indicando o interese na actividade. O prazo para anotarse remata o día anterior á función, momento no que se trasladará á compañía a listaxe de persoas participantes para a súa organización.

0.13407802581787