Impulsan a creación dun novo parque canino en Fontiñas co financiamento da Xunta

A alcaldesa de Elena Candia e a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, asinaron un protocolo de colaboración para impulsar a construción dun parque canino na cidade de Lugo, concretamente na zona de San Xillao, en Fontiñas.
A Xunta de Galicia asumirá o financiamento e a execución das obras, mentres que o Concello porá os terreos a disposición e encargarse do mantemento das instalacións unha vez rematadas.
No caso de Lugo, o investimento previsto ascende a 140.000 euros, financiados ao 100 % pola Xunta de Galicia, e permitirá habilitar un parque canino nunha parcela de 3.746 metros cadrados situada en San Xillao.
Esta actuación enmárcase na iniciativa promovida polo presidente da Alfonso Rueda para crear unha rede de grandes parques caninos nas sete principais cidades galegas co obxectivo de avanzar no benestar animal e dotar ás cidades de espazos específicos para o ocio e exercicio das mascotas.
O proxecto contempla a creación dun recinto con valado de seguridade, portas dobres de acceso, fontes adaptadas para cans, papeleiras e dispensadores de bolsas hixiénicas, zonas de xogo con obstáculos e ramplas, espazos de sombra, bancos, iluminación e unha zona de lavado con baño.
A alcaldesa de Lugo agradeceu á conselleira de Medio Ambiente e á directora xeral o seu compromiso coa cidade e a colaboración mantida para facer realidade esta actuación. “Unha cidade tamén se define pola maneira na que coida os seus animais. Hoxe damos un paso máis para dotar Lugo dunha infraestrutura pensada para o benestar das mascotas e para facilitar a convivencia”, sinalou Elena Candia.
A rexedora destacou ademais que esta actuación forma parte do compromiso do goberno local co benestar animal e lembrou que o Concello tamén está a traballar na mellora das instalacións actuais da protectora, para as que xa existe consignación orzamentaria.
UN COMPROMISO DO ANTERIOR GOBERNO LOCAL
O portavoz do Grupo Municipal Socialista no Concello de Lugo, Miguel Fernández, denunciou que este é “un compromiso arrancado á Xunta polo anterior Executivo municipal” e acusou á actual alcaldesa de “intentar rentabilizar e apropiarse dunha xestión que non lle pertence”.
Fernández lembrou que esta actuación foi comprometida pola Xunta de Galicia co Concello de Lugo no marco das negociacións abertas polo anterior Goberno local para mellorar as dotacións e os servizos no barrio de Fontiñas. “Foi Paula Alvarellos como alcaldesa, e eu mesmo como responsable da área de Transición Ecolóxica, quen impulsamos este acordo e quen logramos que a Xunta asumise este compromiso coa cidade”, sinalou.
“Nós escoitamos durante meses a señora Candia repetir que Lugo estaba bloqueado para xustificar unha moción de censura. E resulta que agora o principal aval da súa xestión consiste precisamente en anunciar proxectos, acordos e compromisos que deixou feitos o anterior alcalde”, ironizou Miguel Fernández.
O portavoz municipal socialista acusou á alcaldesa de “vivir politicamente da herdanza recibida” mentres “intenta borrar deliberadamente o traballo realizado polo anterior Executivo municipal”. “O problema é que os feitos son teimudos e a veciñanza sabe perfectamente quen impulsou cada proxecto e quen traballou para desbloquear investimentos para Lugo”, engadiu.
Fernández puxo ademais en valor a importancia de Fontiñas para o Grupo Municipal Socialista, destacando que se trata dun barrio “estratéxico e prioritario” para o anterior Goberno local, tanto pola súa dimensión social como pola necesidade de seguir mellorando os seus espazos públicos e a súa mobilidade.
Neste sentido, reclamou á Xunta de Galicia que cumpra tamén cos compromisos aínda pendentes co barrio, especialmente no relativo á mobilidade, ao desbloqueo da conexión da avenida Vila Verde e ás solucións comprometidas para os problemas de circulación e aparcamento da zona.