Impulsan a mellora de Recatelo coa renovación do Carril dos Loureiros
Adxudican o proxecto de renovación integral do Carril dos Loureiros, que forma parte dun plan máis amplo para mellorar o barrio de Recatelo. "O obxectivo é avanzar na mellora do barrio despois de peonalizar practicamente todas as súas rúas", indicou Rubén Arroxo, quen tamén salientou a importancia do consenso veciñal na elaboración do proxecto. A intervención converterá o Carril dos Loureiros nunha plataforma única con preferencia peonil, permitindo o acceso a vehículos a baixa velocidade para residentes e tarefas de carga e descarga.
Ademais, actualizaranse os servizos soterrados como o abastecemento e o saneamento, e crearase un espazo máis verde para mellorar o confort durante as xornadas de calor. O proxecto tamén incluirá a instalación de alumeado LED, co obxectivo de ofrecer unha iluminación eficiente e uniforme. A Xunta de Goberno aprobou a contratación desta obra, cun orzamento de 367.346,38 euros, e prevese que os traballos comecen despois das festas do San Froilán, para minimizar as molestias á veciñanza. "Con esta actuación, Recatelo consolídase como unha importante zona de paseo entre o centro e o Parque de Rosalía, ao mesmo tempo que melloramos os servizos e a calidade de vida da veciñanza", subliñou Arroxo.
Na mesma xuntanza, tamén se aprobou a contratación do alumeado ornamental para as festas do San Froilán e do Nadal. Segundo Rubén Arroxo, este ano Lugo contará con 896.810 luces LED para o San Froilán e 1.126.210 para o Nadal. O alumeado incluirá arcos luminosos, rótulos, decoración en farolas e teitos luminosos, ademais de elementos decorativos nas principais prazas da cidade.
Arroxo destacou que a iluminación festiva é fundamental para fomentar a participación cidadá e dinamizar o comercio local. "Adornar con vistosa iluminación os espazos públicos máis significativos en datas festivas sinaladas é unha tradición fortemente arraigada, e Lugo non é alleo a iso", concluíu.