Impulsan un aparcadoiro para vehículos pesados nas Gándaras, unha demanda histórica

LugoXa
O Concello licitará a concesión por 10 anos sen investimento municipal nunha parcela de máis de 44.000 metros cadrados
estacionamento-de-vehículos-pesados-nas-Gándaras-Lugo
14 Apr 2026

O Concello de Lugo aprobou na Xunta de Goberno Local as bases para a concesión dun estacionamento de vehículos pesados nas Gándaras, unha actuación orientada a dar resposta a unha carencia histórica nas principais áreas industriais da cidade.

O alcalde, Miguel Fernández, avanzou esta medida durante un encontro con empresarios das Gándaras e do Ceao, no marco das reunións que o Goberno local mantén co tecido produtivo para analizar necesidades e posibles melloras. Segundo explicou, trátase dunha demanda traballada co sector que supón un avance relevante na mellora dos servizos e na organización do espazo industrial.

A actuación desenvolverase nunha parcela municipal de 44.369 metros cadrados e tramitarase mediante un procedemento aberto en concorrencia pública, cun prazo de 30 días hábiles para a presentación de ofertas.

A concesión terá unha duración de 10 anos, sen opción de prórroga, e fixa un prazo máximo de 18 meses para a posta en funcionamento do estacionamento desde a formalización do contrato. Durante ese período, a empresa adxudicataria deberá redactar o proxecto, obter as licenzas necesarias e executar as obras.

Desde o punto de vista económico, a infraestrutura será asumida integramente pola empresa concesionaria, sen investimento por parte do Concello, e establecerase un canon mínimo anual de 1.600 euros, que poderá ser mellorado polas empresas licitadoras.

O estacionamento deberá prestar servizo de forma continua durante todo o ano, reservar polo menos un 20% das prazas para usuarios en tránsito e cumprir cos requisitos de seguridade establecidos, incluíndo a obtención da correspondente certificación.

En canto ás tarifas, establécese un máximo de 80 euros mensuais para abonados e de 1 euro por hora para usuarios ocasionais, cantidades que poderán ser rebaixadas polas empresas que participen no proceso de licitación.

0.12794995307922