Impulsarán a declaración da ARI da Milagrosa e Barrio Feijoo para facilitar o acceso a novas axudas á rehabilitación

O Goberno local levará á próxima Xunta de Goberno Local a aprobación da solicitude para a declaración da Área de Rehabilitación Integral (ARI) da Milagrosa e Barrio Feijoo, un trámite imprescindible para que os residentes destes barrios poidan acceder ás novas liñas de axuda contempladas no Plan de Vivenda 2026-2030 impulsado polo Goberno central.
O documento técnico necesario para delimitar o ámbito de actuación xa foi elaborado e este mesmo día iniciouse a tramitación municipal previa á súa remisión á Xunta de Galicia, paso necesario para avanzar na declaración desta área de rehabilitación.
A alcaldesa de Lugo, Elena Candia, destacou que esta medida permitirá desbloquear unha iniciativa que durante anos non chegou a materializarse debido a problemas formais ou á falta de axilidade na súa xestión por parte do anterior executivo municipal.
“Estamos a falar dunha oportunidade moi importante para os veciños da Milagrosa e de Barrio Feijoo. Queremos aproveitar unha convocatoria máis ambiciosa e máis flexible para que o maior número posible de comunidades e propietarios poidan beneficiarse destas axudas”, sinalou a rexedora.
O novo programa incorpora importantes melloras respecto ás convocatorias anteriores, tanto no importe das subvencións como no tipo de actuacións que poderán ser financiadas. Ademais das obras relacionadas coa eficiencia enerxética, tamén se incluirán actuacións para a instalación de ascensores, a mellora da accesibilidade, a renovación de cubertas e outras intervencións destinadas á modernización dos inmobles.
As axudas previstas oscilarán entre os 34.000 e os 50.500 euros por vivenda, podendo incluso cubrir a totalidade do custo das actuacións nos casos de especial vulnerabilidade. Trátase dun incremento notable respecto aos programas anteriores, que establecían límites económicos considerablemente máis reducidos.
Durante a fase previa de preparación desta iniciativa, arredor de 90 edificios xa manifestaron o seu interese en participar no programa, unha cifra que evidencia a demanda existente e o potencial impacto que esta actuación podería ter na transformación e mellora destes dous barrios da cidade.