Inaugurado na Fonsagrada o Museo Forges coa presenza do ministro Albares

A presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, xunto ao alcalde da Fonsagrada, Carlos López, e o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación, José Manuel Albares, inauguraron o Museo Forges que abre as súas portas para converterse no primeiro en España en contar cun museo dedicado ao humorista gráfico Antonio Fraguas. No acto participaron tamén familiares do artista, representantes institucionais, deputados provinciais e numerosas persoas que contribuíron a facer realidade este proxecto impulsado polo Concello coa colaboración da Deputación de Lugo e do Goberno de España.
Durante a súa intervención, Carmela López felicitou ao rexedor fonsagradino e puxo en valor o novo equipamento que transcende o ámbito cultural para convertese nun elemento dinamizador do territorio. “Este museo será un espazo vivo de memoria, cultura e futuro", afirmou, ao tempo que incidiu en que contribuirá a atraer visitantes, reforzar a oferta cultural da provincia e xerar novas oportunidades para A Fonsagrada como cabeceira de comarca, para A Montaña e, en consecuencia, para o conxunto da provincia.
Puxo en valor a mandataria provincial a colaboración entre institucións da que nace este novo proxecto cultural, lembrando que a Deputación achegou 40.000€ para completar a museografía, o equipamento e as obras complementarias do edificio, entre elas, a posta en marcha do reloxo da fachada principal.
Carmela López agradeceu ademais á familia de Antonio Fraguas a confianza depositada na Fonsagrada “para custodiar unha parte tan importante do legado do humorista gráfico”. Así mesmo, lembrou que “Forges foi un creador irrepetible, capaz de facer sorrir e reflexionar a varias xeracións desde a intelixencia, a humanidade e a retranca”.
Pola súa banda, o Alcalde da Fonsagrada, Carlos López, definiu a apertura do museo como un fito histórico para o municipio e reivindicou o vencello de Antonio Fraguas coa terra do seu pai. “A partir de hoxe, quen se achegue á Fonsagrada terá un motivo máis para deterse”, asegurou, convencido de que este novo espazo converterá o municipio nun referente turístico e cultural.
O Museo Forges, un novo referente cultural
O Museo Forges ocupa a antiga Casa Consistorial da Fonsagrada, un edificio histórico rehabilitado con 250.000 euros procedentes de fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno de España. O inmoble albergará tamén na primeira planta a Oficina de Turismo, converténdose nun punto de referencia para veciñanza e visitantes.
O espazo reúne unha selección da obra de Antonio Fraguas, un dos grandes referentes do humor gráfico español, e nace co obxectivo de preservar e divulgar o seu legado desde a terra de orixe do seu pai. A proposta museística combina viñetas, ilustracións e contidos expositivos que permiten achegarse á traxectoria artística e humana do autor.
Ademais do seu valor cultural, o museo está chamado a reforzar o atractivo turístico da Fonsagrada e da montaña lucense, ampliando a oferta patrimonial do municipio e converténdose nun novo punto de interese para as persoas que visitan a zona, especialmente para os milleiros de peregrinos que cada ano percorren o Camiño Primitivo.
Olimpia López destaca o investimento do Goberno
A subdelegada puxo en valor o compromiso do Goberno de España coa recuperación do patrimonio público como motor de desenvolvemento do territorio e destacou que esta actuación foi posible grazas ao Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (PIREP), financiado con fondos europeos do Plan de Recuperación. O proxecto contou cun investimento total de 454.214 euros, dos que 271.255 euros foron achegados polo Goberno de España a través do PIREP.
López salientou que a rehabilitación deste inmoble histórico permitiu transformar un edificio que levaba anos en desuso nun moderno espazo cultural aberto á cidadanía, que albergará a colección permanente cedida pola familia de Forges e contribuirá a reforzar a oferta cultural, turística e social da comarca. A actuación combina a conservación do patrimonio coa accesibilidade, a eficiencia enerxética e a sustentabilidade, converténdose nun exemplo de como os investimentos públicos contribúen a revitalizar o rural e a crear novas oportunidades para o conxunto da provincia.