Inaugúrase no Museo Provincial de Lugo unha exposición dedicada a Ramón Otero Pedrayo

Inaugurouse na Sala Multiusos do Museo Provincial de Lugo a exposición dedicada a Ramón Otero Pedrayo, organizada en colaboración coa Fundación Penzol e a Cátedra Institucional Otero Pedrayo da Universidade de Santiago de Compostela.
A mostra forma parte da programación do Ano Otero Pedrayo 2026 e ofrece un percorrido pola vida, obra e legado dun dos grandes referentes da cultura galega.
A exposición articúlase a través de paneis divulgativos e dunha selección de publicacións orixinais procedentes dos fondos da Facultade de Filoloxía da USC, co obxectivo de achegar ao público a figura e o pensamento dun dos intelectuais máis destacados da historia de Galicia.
A mostra poderá visitarse no Museo Provincial de Lugo ata o 13 de setembro, nunha proposta que invita a descubrir e redescubrir o legado de Otero Pedrayo.