Javo emociona a Rábade cun pregón cheo de lembranzas, deporte e amor pola súa vila

As festas de agosto de Rábade comezaron cun dos actos máis emotivos da programación. O atleta Javier Ángel Vázquez Orejas, coñecido como Javo, foi o encargado de pronunciar o pregón desde o balcón da Casa Consistorial, acompañado pola alcaldesa, Reme González, e por membros do equipo de Goberno.
“O máis bonito que che pode pasar na vida é ser pregoeiro do teu pobo”, afirmou visiblemente emocionado ao inicio da súa intervención, na que recibiu tamén un recoñecemento institucional pola súa traxectoria deportiva e a súa vinculación coa localidade.
Javo quixo render homenaxe á súa familia iniciando o discurso coas mesmas palabras que empregara o seu pai, Arcadio Vázquez, cando exerceu de pregoeiro das festas en 1964, precisamente o ano no que naceu o actual protagonista do acto.
Ao longo do pregón realizou unha viaxe polos recordos da súa infancia en Rábade, evocando aos compañeiros de escola, ao profesorado, os xogos nas rúas e os establecementos que formaron parte da vida cotiá da vila. Tamén dedicou unhas palabras especiais aos seus pais, Arcadio e Conchita, figuras fundamentais na súa vida.
O deportista, que aos seus 61 anos logrou completar os oito grandes maratóns do mundo, destacou tamén o orgullo de levar o nome de Rábade por diferentes lugares e lembrou a numerosos deportistas que contribuíron a dar visibilidade ao municipio dentro e fóra de Galicia. Durante a súa intervención tivo igualmente un recordo para as persoas xa falecidas que deixaron pegada na historia local.
Como peche, repetiu a mesma despedida utilizada polo seu pai no pregón de 1964 e quixo compartir cos asistentes un detalle relacionado cos oito World Marathon Majors que completou, como recordo da súa traxectoria deportiva e desta xornada especial.
Tras o pregón, a actividade trasladouse ao Campo da Feira coa celebración do XXV Rabafolc, no que participaron os grupos Mestura de Nete, Breo, Airiños da Freba e Eris Mackenzie. A programación incluíu tamén a décimo novena edición do Tour da Cervexa.
As festas continúan cun dos actos máis populares do programa, a Esbatuxada, o tradicional descenso de embarcacións de fabricación caseira polo río Miño.