Labio acolle un curso de cestería do programa Mans Artesás da Deputación de Lugo

A parroquia de Labio, en Lugo, acolle desde esta semana un curso de cestería incluído no programa Mans Artesás, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo para achegar a artesanía a diferentes puntos da provincia.
A formación está impartida por Beatriz Valín e permite ás participantes coñecer as técnicas básicas deste oficio tradicional e poñelas en práctica mediante a elaboración das súas propias pezas. As sesións desenvolveranse durante todo o mes de outubro, todos os martes, cunha duración de catro horas.
A deputada de Cultura, Iria Castro, destacou a boa acollida que está a ter a iniciativa entre as asociacións da provincia, que incorporan estas propostas ás súas programacións. Neste sentido, puxo en valor tanto a aprendizaxe como a convivencia que xorden arredor destas actividades, nas que, segundo sinalou, se está a rexistrar unha participación moi activa.
O programa Mans Artesás, posto en marcha este ano, inclúe cursos, demostracións e obradoiros en distintos concellos da provincia, atendendo ás peticións de colectivos culturais e veciñais.
Esta iniciativa amplía o apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo ao sector artesán, que contribúe á conservación e difusión de técnicas e coñecementos tradicionais, ao tempo que os adapta a novos usos. A artesanía representa tamén unha actividade económica sostible, vinculada ao territorio e ao consumo responsable.