Labio acolle un dos cursos de artesanía do programa “Mans Artesás” da Deputación de Lugo

LugoXa
A iniciativa formativa, impartida pola ceramista Inmaculada Díaz, busca promover oficios tradicionais e rexistrou unha alta demanda en toda a provincia
mans-artesás-Labio-Lugo
5 Jun 2026

A parroquia de Labio, no municipio de Lugo, está a ser un dos espazos onde se desenvolve o programa de artesanía “Mans Artesás”, impulsado pola Vicepresidencia da Deputación de Lugo, unha iniciativa que está a percorrer distintos puntos da provincia a través de cursos, demostracións e obradoiros vinculados aos oficios tradicionais.

Nesta actividade concreta, a ceramista Inmaculada Díaz, de La Bellota Mágica, é a encargada de impartir a formación, na que as participantes adquiren coñecementos e habilidades básicas da cerámica, elaborando as súas propias pezas e achegándose de maneira práctica a este oficio artesanal.

A deputada provincial Iria Castro destacou a excelente acollida do programa por parte de asociacións de toda a provincia, que están a incorporar estas propostas ás súas programacións, e puxo en valor os espazos de aprendizaxe e convivencia que se xeran arredor destes cursos, nos que se rexistra unha participación moi activa.

O programa “Mans Artesás”, posto en marcha este ano, ten como obxectivo achegar a artesanía a todo o territorio provincial, atendendo ás demandas de colectivos culturais e veciñais. A convocatoria tivo que pecharse en menos dun mes debido á elevada demanda, o que, segundo a institución provincial, reflicte o interese crecente por este tipo de actividades vencelladas ao patrimonio inmaterial, á sustentabilidade e ao consumo responsable.

0.099828958511353