Licitadas as obras dos 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos en Lugo

GaliciaXa | LugoXa
López Campos pon en valor o “traballo conxunto e coordinado” do Goberno galego para impulsar “medidas útiles de cara á construción do presente e futuro da xuventude”
ALOJAMIENTOS-COMPARTIDOS-MENORES-LUGO
17 Sep 2026

A Xunta licita por 6,5M€ as obras dos 50 aloxamentos compartidos para menores de 36 anos que se construirán en Lugo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, e o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, deron a coñecer hoxe esta promoción que se desenvolverá na rúa Illa Coelleira.

A Xunta, como destacou Allegue, a través das dúas consellerías, está a promover estes aloxamentos compartidos como solución habitacional para impulsar a emancipación da mocidade. Están pensados para persoas menores de 36 anos que xa contan cun contrato laboral ou de investigación e que buscan un aloxamento temporal. Deste xeito, xunto ás vivendas ofrécense tamén espazos comúns tanto para traballo como para lecer. A conselleira subliñou que estes aloxamentos ofreceranse en alugueiro “accesible por un prazo máximo de 3 anos”.

Pola súa banda, o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, puxo en valor o “traballo conxunto e coordinado” dos dous departamentos da Administración autonómica para impulsar “medidas útiles para o día a día da mocidade de cara á construción do seu presente, ao tempo que afianzar os piares futuros”. No caso concreto do seu departamento, salientou que está acción para facilitarlles os máis novos o acceso á vivenda “súmase ás postas en marcha para fomentar a súa formación, a consecución de emprego e propiciar a súa independencia”.

Precisamente, o titular de Xuventude do Goberno galego destacou nesta liña outra das “medidas pioneiras” da súa consellería, como é o Bono Emancípate, dirixido aos primeiros gastos do fogar, tanto en propiedade como en alugueiro, que teñen que ver co mobiliario ou electrodomésticos, entre outros. Nese senso, salientou o “grande éxito” rexistrado na primeira edición destas axudas, “ás que puideron acceder máis dun milleiro de persoas, razón pola que nesta segunda convocatoria aumentamos o orzamento nun millón de euros máis ata chegar os 3 M€”, precisou.

Características do inmoble de Lugo

En canto ás características do inmoble que se construirá en Lugo, terá planta baixa e 5 alturas, con 10 aloxamentos por planta, nos que se prima a entrada de luz natural, ventilación e eficiencia enerxética.

Allegue destacou a calidade do proxecto, sinalando que os fogares serán exteriores e con balcóns, no caso dos espazos de uso compartido inclúense zona de lavandería en cada planta, así como zonas de traballo e salas de uso flexible na planta baixa, que son compartimentables con tabiques corredoiros que se abren a un patio axardinado. Este patio exterior axardinado funcionará como unha prolongación dos espazos interiores para zona de lecer e relación dos usuarios “e permitirá esa relación convivencial tan necesaria hoxe en día”. “Un edificio -engadiu a conselleira- adaptado a estas novas formas de convivencia habitacionais”.

A cuberta será plana e nela instalaranse os paneis solares e bombas de calor, ademais dunha pérgola exterior que mellorará a estética xeral do edificio e servirá para xerar un espazo exterior de sombra con vistas. Ademais, habilitaranse 50 aparcamentos para bicicletas e prazas de aparcamento con preinstalación para recarga de vehículos eléctricos.

As empresas poderán presentar ofertas nesta licitación ata o 26 de outubro e, trala adxudicación, as obras terán un prazo de execución de 20 meses. A xestión dos aloxamentos, unha vez construídos, corresponderá á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.

En total, a Xunta está a promover na actualidade 340 aloxamentos compartidos en Galicia, que se ofrecerán en réxime de alugueiro. Ademais destes 50 de Lugo, están en marcha 80 en Vigo (con obra xa licitada), así como 60 en Santiago de Compostela e 150 na Coruña.

Ademais, no marco do seu compromiso para a construción de vivenda de promoción pública en Lugo, a Xunta ten en marcha 615 fogares, dos que 146 están en obras. Neste momento están en fase de licitación as obras de 168 vivendas en Garabolos, (con prazo de presentación de ofertas ata 20 de outubro), así como as 24 vivendas en Angelo Colocci (con prazo de ofertas ata 26 de outubro).

0.16468286514282