Licitadas as obras para levantar 168 vivendas de promoción pública en Garabolos

LugoXa
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, deu conta hoxe da actuación nunha visita á rúa Paulo Fabio Máximo
vivendas-garabolos-allegue
4 Sep 2026

A Xunta licita por preto de 30M€ (29,6M€) as obras de construción de 168 vivendas en Lugo, que se destinarán á compra. Así o destacou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, deu conta hoxe desta nova promoción.

A promoción construirase nesta parcela situada na avenida Paulo Fabio Máximo, nunha contorna urbanizada e conectada con viarios, cun parque público e zonas verdes próximas. Trátase dun inmoble con vivendas de 1, 2, 3 e 4 dormitorios, todas con garaxe e rocho e ademais contarán con terrazas. Dos fogares, 7 serán adaptados para persoas con mobilidade reducida.

As principais estancias das vivendas serán exteriores, favorecendo así a entrada de luz natural e unha axeitada ventilación. Serán fogares, como destacou a conselleira, con todos os estándares de calidade e eficientes enerxeticamente, xa que se prevé aerotermia, paneis fotovoltaicos e puntos de recarga de vehículos eléctricos. “Son fogares que representan esa Galicia calidade da que estamos tan orgullosos”

Tras a publicación hoxe na Plataforma de Contratos de Galicia, as empresas disporán dun prazo ata o 20 de outubro para presentar as súas ofertas.

Allegue incidiu na “aposta inmensa” da Xunta en materia vivenda, que ademais da construción de nova vivenda pública, a rehabilitación e o desenvolvemento de solo en colaboración con concellos, inclúe novas medidas para que máis familias poidan acceder á vivenda protexida. Neste último caso, as 168 vivendas licitadas hoxe, ao ser destinadas á compra, terán unha reserva do 30% para persoas de entre 36 e 45 anos con fillos ao seu cargo, mentres que outro 25% reservarase para menores de 36 anos.

A conselleira lembrou tamén que a Xunta incrementa os límites de renda a 4 veces o Iprem (4,5 para familias numerosas) para facilitar este acceso á vivenda pública. Como exemplo, citou que no caso dunha parella cun fillo, ata agora non podía exceder de 2.250€ mensuais brutos e agora o límite sitúase en 3.530€. E para unha familia numerosa, o límite era de 2.571 € e co novo limiar (4,5 Iprem) ascende a 4.154€.

Das 615 vivendas de promoción pública que a Xunta ten marcha en Lugo, 146 xa están en obras e se destinarán a alugueiro.

Así mesmo, ás 168 vivendas de promoción pública licitadas hoxe, súmanse outras 152 aquí neste barrio, que se licitaron por 26,5M€ e para as que xa hai proposta de adxudicación.

0.11022782325745