Loia Producións leva a Portomarín a obra infantil ‘A Boneca de Trapo’

O CEIP Virxe da Luz de Portomarín acollerá o venres 9 de outubro a representación de ‘A Boneca de Trapo’, unha proposta teatral de Loia Producións dirixida ao alumnado do centro que aborda a igualdade, os estereotipos de xénero e a importancia de contar con referentes femininos. A función celebrarase ás 11:00 horas no propio centro educativo.
A obra conta a historia de Mara, unha nena moi curiosa á que lle encanta ler e descubrir contos, unha afección que comparte coa súa avoa Lola, que tamén escribe historias para a súa neta. A súa vida cambia cando recibe como agasallo unha boneca de trapo que axiña se converte no seu xoguete favorito.
A partir de entón, Mara comeza a imaxinar os diferentes papeis que podería desempeñar a boneca, desde princesa ata pirata ou escritora. Porén, as conversas coa súa avoa permítenlle descubrir a vida de mulleres que contribuíron a cambiar a historia, o que transforma a súa maneira de entender o mundo e tamén as posibilidades de futuro que imaxina para a súa boneca e para si mesma.
A través desta historia, a representación busca fomentar a igualdade e cuestionar os estereotipos de xénero desde a infancia, ao tempo que pon en valor a importancia dos referentes femininos no desenvolvemento das nenas.