López Campos destaca o impulso á arte contemporánea gallega coa programación de ‘Aberto26’

GaliciaXa | LugoXa | ACoruñaXa | OurenseXa
Nove galerías das cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo e Ourense participan neste proxecto con mostras simultáneas entre o 17 e 19 de setembro
cultura-galerias-aberto
15 Sep 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, salientou hoxe “o relevante impulso e promoción” que realiza o Goberno galego da arte contemporánea galega a través do “apoio clave” ao desenvolvemento do programa Aberto26 que, desde hai catro anos, “permite achegarlle á cidadanía as máis recentes creacións de vangarda de dentro e fóra da Comunidade”.

Así o destacou López Campos na presentación, no Centro Galego de Arte Contemporánea, da cuarta edición desta iniciativa na que participarán nove galerías da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Vigo e Ourense, que abrirán a súa programación de outono de xeito simultáneo entre os días 17 e 19 de setembro.

Acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, o representante do Goberno galego considerou “primordial” esta iniciativa tanto para a difusión do traballo de creadores galegos como para darlle pulo a actividade que desenvolven as galerías de arte, “coas que mantemos unha constante colaboración”.

Neste senso, o conselleiro apuntou como “claro exemplo” deste compromiso da Xunta as axudas que convoca cada ano para a participación de galerías de arte en feiras e certames fóra da Comunidade. Precisamente, lembrou que, con este fin, o Goberno galego lle acaba de conceder 132.000 euros a 13 galerías de arte galegas, “32.000 euros máis que na anterior convocatoria”, celebrou.

Ao respecto, o titular de Cultura puxo en valor este apoio por parte da Administración autonómica, xa que salientou que con estas achegas “incentívase a actividade artística das entidades que traballan no sector e que desempeñan un papel relevante na divulgación da arte contemporánea, na produción dos artistas e na dinamización económica da cultura”.

Ademais, fixo fincapé no feito de que, por cuarto ano consecutivo, o Centro Galego de Arte Contemporánea colabore co esta iniciativa “comprometéndose a adquirir obras das mostras para o seu fondo”. Ao respecto, salientou que, deste xeito, o centro museístico continúa a demostrar o seu “apoio incondicional e incuestionable co sector e cos creadores da Comunidade”.

En todo caso, o titular de Cultura do Goberno galego explicou que a programación de Aberto26 “permite tamén ter unha aproximación das creacións galegas contemporánea máis recentes no eido nacional e internacional”, en referencia á exhibición de obras de artistas noveles e consagrados do resto de España e Europa, “coas que se pode descubrir a diversidade de linguaxes, xeracións e miradas do presente panorama artístico”.

Organizado pola Asociación de Galerías de Arte Contemporánea, en Aberto26 participan en Santiago de Compostela a galería Dupla, que presentará na exposición Back to Back os traballos do soriano Hugo Alonso nos eidos do vídeo, cinema e música, nesta última faciana baixo o alcume de Lynda Blair; Luisa Pita, que acollerá a proposta fotográfica Ao aire libre, do artista pontevedrés Juan Adrio; mentres que Trinta presentará con Loves, thieves, fools and pretenders, as pinturas do creador portugués Francisco Mendes Moreira, nas que se adobían humor e ironía.

Na Coruña, participan a galería Nordés con Galicia, a primeira exposición individual no seu espazo da prestixiosa fotoxornalista catalá Anna Turbau, quen vén de mostrar a súa obra en ARCOmadrid e ParísPhoto; a Moret Art, que dará a coñecer as novas pezas do coruñés Héctor Francesch en A outra verdade; e Vilaseco con Lotto, que reúne unha selección de obras recentes do italiano Enrico Della Torre, cuxa práctica artística sitúase entre a pintura, o debuxo e a colaxe.

Na cidade de Vigo, forma parte da programación Aberto26 a galería PM8, que exhibirá en Pose a primeira exposición individual en Galicia do artista lituano Gediminas G. Arkstinas; na de Lugo, poderá verse en Néboa Sustrato Habitual, cos novos traballos do xixonés Román Cobarto, artista visual, investigador e docente cuxos proxectos van desde a escultura, a instalación, a fotografía, o vídeo e debuxo; mentres que en Ourense a galería Marisa Miramón presentará O elemento caprichoso, exposición da ourensá Tamara Feijoo, quen reúne as obras creadas durante os dous últimos anos, onde natureza e tempo seguen a ser os temas centrais da súa traxectoria.

0.15667510032654