Lucía Rodríguez presenta o sábado en Navia de Suarna o seu proxecto
O Argueiro dos Ancares, é un portal creado nas redes sociais de Facebook e Instagram para visibilizar a parte máis descoñecida da comarca dos Ancares: a xente que mantén vivo o territorio. A súa presentación terá lugar o vindeiro sábado 4 de setembro ás cinco da tarde na praza da Pobra de Navia de Suarna nun acto que contará coa animación dun grupo musical da comarca.
A súa responsable é Lucía Rodríguez, unha moza natural da parroquia de Salgueiras, en Navia de Suarna e graduada en Publicidade e Relacións Públicas que o puxo en marcha o pasado mes de maio como proxecto de fin de grao.
O proxecto conta co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural Montes e Vales Orientais (Ancares-Fonsagrada) e da Secretaría Xeral de Política Lingüística a través da Rede de Dinamización Lingüística coa que colabora o GDR3 para o fomento de iniciativas relacionadas coa expresión cultural e lingüística no territorio que comprende este Grupo de Desenvolvemento Rural.
Argueiro significa cousa molesta que se mete nun ollo e “argueirín” era tamén o apelativo que recibía dos seus avós a súa impulsora cando era unha nena. A conexión coa súa infancia tamén está presente neste proxecto a través do seu logo, unha reprodución da talla en madeira dunha flor de seis pétalos que había nas táboas do hórreo da casa dos seus avós. Son tamén seis os temas que engloba o proxecto: xente, paisaxe, tradición, imaxe e relato, produtos locais e historia.
O Argueiro dos Ancares, ten como obxectivo amosar unha visión realista, non utópica nin romantizada, do rural dos Ancares. A través de entrevistas persoais constrúense relatos da historia de varias persoas que poden resultar inspiradoras para o conxunto da sociedade e, ao mesmo tempo, poñen en valor a cultura e o modo de vida dos veciños dos Ancares.