Lugo acolle a exposición 'A persistencia dos restos', de Blas Lamela e Paul Mena

LugoXa
A mostra, formada por sete pezas monumentais de ferro, poderá visitarse ata o 30 de xullo de 2026 no Bloque de Mulleres do Vello Cárcere
a-persistencia-dos-restos
30 Jun 2026

O Bloque de Mulleres do Vello Cárcere, na primeira planta, acolle a exposición temporal 'A persistencia dos restos', unha proposta artística de Blas Lamela e Paul Mena que poderá visitarse ata o 30 de xullo de 2026.

A mostra está conformada por sete esculturas monumentais de ferro, construídas a partir de materiais de refugallo como palieres, tubos de escape, capós, manómetros, engrenaxes, latas, parafusos, cerámica fragmentada e compoñentes electrónicos, entre outros elementos. Cada unha das pezas, de entre 2,5 e 3,3 metros de altura, preséntase como unha estrutura vertical que funciona como un arquivo da memoria material do mundo rural galego, a partir de obxectos descartados procedentes de aldeas como Prado, Sanxurxo, Outeiro e Ernes, que atopan agora unha nova existencia como obra de arte.

As obras dialogan coa tradición da arte povera e do assemblage, mais enraízanse nun contexto moi concreto: a Galicia rural, non idealizada, senón entendida como escenario dunha modernización rápida e brusca, marcada pola presenza de maquinaria, ferramentas, tractores en desuso e espazos industriais e agrícolas en transformación.

O artista Blas Lamela describe o seu traballo como unha recuperación da memoria dos materiais. Segundo explica, cada peza conserva unha historia previa e unha “alma” propia, ao proceder de lugares concretos como Prado, Sanxurxo, Outeiro e Ernes. Desde o ano 2020, desenvolve estas creacións como unha forma de dar nova vida ao que foi descartado, ao tempo que comparte co público unha mirada de recuperación e reinterpretación do pasado.

0.13954305648804