Lugo acolle a exposición “Cartografía do desarraigo” de Hanoi Vidal ata este venres

A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolle a exposición “Cartografía do desarraigo”, do artista cubano-español Hanoi Vidal, unha mostra composta por 25 cadros que completan un relato arredor do proceso migratorio e das consecuencias da emigración. A exposición aínda se pode visitar ata este venres.
O artista, asentado en Lugo, reúne nesta colección algunhas das súas creacións máis recentes, centradas principalmente na pintura contemporánea e caracterizadas pola presenza de numerosos elementos figurativos. As obras combinan a experiencia autobiográfica coas vivencias colectivas vinculadas ao desarraigo, a identidade e a memoria.
Nesta proposta artística, Hanoi Vidal contou ademais coa colaboración da artista plástica mexicana Soila Jankowska, que participa na exposición con varias pezas escultóricas que complementan o percorrido expositivo.