Lugo acolle a última xornada formativa de APLE Galicia sobre as obrigas das explotacións gandeiras

A Asociación de Produtores de Leite Ecolóxico de Galicia (APLE Galicia), coa colaboración de Caixa Rural Galega, organizará o vindeiro xoves 19 de novembro, ás 11:00 horas, en Lugo, a última das oito xornadas formativas dirixidas ao sector gandeiro que se desenvolveron en diferentes puntos de Galicia durante os meses de outubro e novembro.
A sesión abordará cuestións relacionadas coa Política Agraria Común (PAC), a condicionalidade, o Sistema de Información de Explotacións Agrarias (SIEX), o caderno dixital, os plans de aboado e a bioseguridade. O obxectivo é facilitar a comprensión destas obrigas e ofrecer orientación práctica para a súa aplicación na xestión diaria das explotacións.
A formación será impartida por Agronovo, entidade especializada en asesoramento agrario, cun enfoque centrado en resolver dúbidas habituais e trasladar os requisitos administrativos e normativos á realidade das explotacións gandeiras.
A cita de Lugo será a oitava e última sesión dun programa que percorreu Castro Ribeiras de Lea, Meira, Allariz, Melide, Vilalba, Chantada e Becerreá antes de rematar na capital lucense. Con esta iniciativa, APLE Galicia pretende facilitar o acceso dos profesionais do sector a información útil para a xestión das súas explotacións, mellorar o coñecemento das súas obrigas e previr posibles incumprimentos.
A xornada terá lugar na rúa Camiño Real, 72-74, entresollado B, en Lugo. A participación é gratuíta, pero é necesario inscribirse previamente a través do teléfono 698 956 453 ou do correo electrónico aplegalicia@gmail.com.