Lugo acolle o 21 Encontro Galego de Ilustración
O tenente alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, e a edil de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López, asistiron á presentación do 21 Encontro Galego de Ilustración, un evento anual organizado pola AGPI e cargado de obradoiros, charlas e presentacións en torno á ilustración e todo o que rodea á profesión. Cada ano, o Encontro recorre cidades do país, sendo a de Lugo a escollida para esta nova edición. Rubén Arroxo destacou a “importancia darlle valor ao traballo das profesionais da ilustración, recoñecendo todo o tempo e esforzo que adican a cada creación e reivindicando a importancia desta arte como parte da cultura galega actual”.
Os actos do Encontro celébranse en varias datas dende o 19 de outubro ao 9 de novembro, así como en varios emprazamentos da cidade como a EASD Ramón Falcón de Lugo e principalmente en O Vello Cárcere. A programación contará coa presencia de socias e socios AGPI como Aida Alonso, Augusto Metztli, Diego Estebo, Eva Agra, Gutián, Leandro Barea, Manel Cráneo e Santy Gutiérrez, e con autoras como Giovanna Lopalco ou Julia Lago. Tamén se ofrecerán charlas teórico-prácticas con Mónica Rodriguez, experta en creativos e desenvolvemento personal, e acompañamento musical a cargo de Iria Estévez.
Ademais, destacou, incluirase unha exposición nas instalacións do Vello Cárcere en conmemoración dos primeiros vinte anos de AGPI, composta de obras de socias e socios que reflectirá a evolución e diversidade do mundo da ilustración galega ao longo deste tempo. “Esta mostra non só será un recoñecemento ao talento galego, senón tamén unha oportunidade para achegar o público ao traballo dos profesionais que están detrás”, explicou Rubén Arroxo.