Lugo acolle o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares o 14 de novembro

GaliciaXa | LugoXa
O Auditorio Municipal Fuxan os Ventos reunirá pacientes, familiares e profesionais sanitarios nunha xornada con conferencias, obradoiros e mesas de diálogo, que contará co testemuño do campión mundial de paracanoe Nicolás Martínez Adega
Novo-Auditorio-Fuxan-os-Ventos-Lugo
5 Nov 2026

Lugo acollerá o vindeiro sábado 14 de novembro o IV Congreso Galego de Persoas con Cancro e Familiares, organizado polas catro sedes galegas da Asociación Española Contra o Cancro (AECC). O encontro, que se celebrará baixo o lema 'Coidar desde un Patrimonio da Humanidade', terá lugar no Auditorio Municipal Fuxan os Ventos e comezará ás 9:00 horas. A iniciativa conta coa declaración de Interese Sanitario da Consellería de Sanidade da Xunta de Galicia.

O congreso pretende converterse nun espazo de encontro entre pacientes, familiares e profesionais dos ámbitos sanitario e científico, co obxectivo de compartir información, resolver dúbidas e abordar as necesidades e desigualdades que xera a enfermidade. A xornada será presencial e incluirá mesas de diálogo, obradoiros e conferencias centradas tanto nos avances da oncoloxía como no impacto do cancro na vida cotiá.

Entre as intervencións previstas destacan os relatorios 'Un intruso na familia', do doutor José Carlos Hernández Fernández, e 'Unha viaxe de ida e volta: da ciencia á sala de tratamento', da doutora María Soledad Soengas. Esta última abordará a súa dobre experiencia como investigadora en cancro e paciente en ensaios clínicos, ademais dos avances e desafíos actuais da oncoloxía.

O programa contará tamén co testemuño de Nicolás Martínez Adega, campión do mundo de paracanoe, que compartirá a súa historia de superación. Tras superar un cancro infantil que o mantivo afastado do deporte durante anos, atopou no piragüismo unha nova oportunidade ata alcanzar o ouro mundial en 2025. A súa intervención buscará especialmente inspirar nenos e mozos.

A participación será gratuíta, aínda que será necesario inscribirse a través da páxina congresos.contraelcancer.es/Galicia ou nas sedes da asociación en Lugo, Monforte de Lemos, Burela, Ourense, A Coruña, Ferrol, Santiago de Compostela, Ribeira, Pontevedra e Vigo.

A presentación oficial do congreso terá lugar o martes 10 de novembro, ás 12:00 horas, na sede provincial da asociación en Lugo, situada no Carril dos Loureiros, 17. No acto daranse a coñecer os principais detalles, obxectivos e actividades desta cuarta edición.

O evento conta co patrocinio de AstraZeneca, Daiichi-Sankyo, Johnson & Johnson, o Concello de Lugo, a Deputación de Lugo, a Xunta de Galicia, Caixa Rural Galega, o Colexio Oficial de Farmacéuticos da Provincia de Lugo, a Cooperativa Agroalimentaria Aira e Madeiras Besteiro.

0.15022301673889