Lugo acolle o primeiro concerto do proxecto O Xoán tras o lanzamento do sinxelo ‘Ferido’

O Concello de Lugo e a área de Cultura da USC organizan o primeiro concerto do proxecto artístico 'O Xoán', que terá lugar o vindeiro 29 de abril ás 20.30 horas na praza de Santa María de Lugo, coincidindo co lanzamento do seu primeiro sinxelo, ‘Ferido’.
Ademais, ese mesmo día celebrarase un encontro co artista Xoán Fórneas ás 12.30 horas na Casa do Saber do campus de Lugo. As persoas interesadas en asistir deberán formalizar previamente a súa inscrición a través do correo cultura.lugo@usc.gal.
‘Ferido’ marca o inicio dun proxecto que mestura música contemporánea en galego, rito e unha estética con toque camp, transformando a ferida emocional nun espazo luminoso, irreverente e vital. O tema naceu nun período de cambios afectivos e reflicte un proceso que vai desde a vulnerabilidade ata a celebración.
O videoclip da canción, rodado integramente na provincia de Lugo, foi ademais nominado aos Premios Mestre Mateo, celebrados o pasado 21 de marzo no Auditorio Fuxan os Ventos. A peza presenta un ritual colectivo no monte, no que un grupo de figuras enmascaradas agarda polo artista para iniciar un acto simbólico de transformación que culmina nunha danza, ampliando así o universo visual do proxecto, marcado polo seu carácter teatral, emocional e vinculado coa terra.
O proxecto 'O Xoán' nace tras unha etapa persoal do artista que o levou a regresar ao rural lucense, reencontrándose co lugar e coas persoas que o marcaron. Este retorno permitiulle recuperar unha parte de si mesmo que quedara en segundo plano durante a súa etapa en Madrid e retomar a música como vía de expresión. Dende esta perspectiva, constrúe unha proposta íntima e colectiva, na que a experiencia persoal cobra sentido ao ser compartida.
Cómpre destacar tamén a traxectoria de Xoán Fórneas como actor, recentemente recoñecido co Premio Mestre Mateo a mellor actor protagonista pola súa interpretación de Castelao na película ‘Antes de nós’. Ademais, participou noutros traballos destacados, como o papel de Quique na produción ‘Respira’.